AGE esixe explicacións de ''todo o mundo'' e as dimisións dos principais implicados

A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, sinalou que "todo o mundo" debería comparecer hoxe para explicar as supostas doazóns da empresa Vendex que, segundo un informe, supostamente fixo pagos a membros de PP, PSOE e BNG, e insistiu en que os imputados nesta e outra causa deben dimitir.

Díaz, tamén coordinadora de Esquerda Unida, respondeu aos xornalistas nos corredores do Parlamento sobre a publicación dun informe de Aduanas, elaborado no marco da operación Pokemon, que fala de presuntos subornos a membros do PP, PSdeG e BNG e suxire o financiamento irregular dalgunhas doazóns. "O primeiro, absoluto respecto ao traballo que se fai pola xustiza e imos ver como avanzan as pescudas", sinalou a deputada, para quen "parece", polo publicado polos medios de comunicación, que "parte" das doazóns, atribuídas á empresa Vendex, suposto centro da trama da operación Pokemon, "van para financiar os partidos políticos". Pero por agora, "non temos máis datos", polo que dixo que haberá que esperar á investigación xudicial.

Yolanda Díaz insistiu en que AGE sempre reclamou transparencia e sinalou que hoxe "todo o mundo debería comparecer para explicar o que hai respecto destas doazóns que aparecen de xeito individual en moitos dos responsables públicos". Reclamou, pois, "absoluta transparencia e, sobre todo, render contas", mentres insistiu en que o seu grupo demanda a dimisión das persoas imputadas neste tipo de casos, aínda que admitiu que en ocasións é inxusto, xa que estes cargos poden resultar exentos de responsabilidade penal. Pero, dixo, "as responsabilidades políticas son as que son" e os imputados deben dimitir e render contas, sen prexuízo da súa presunción de inocencia.

Yolanda Díaz tamén reflexionou sobre o "problema severísimo" do financiamento dos partidos políticos, "que tamén forma parte dese pacto da Transición" e os "grandes partidos do réxime non queren cambiar a situación". Pero, dixo, AGE opina que a situación é "de absoluto risco, na que hai que pegar un xiro" e "cambiar substancialmente o que está a pasar: isto é insoportable", concluíu.

Tamén hoxe AGE Ferrol esixía directamente a dimisión do alcalde, Rei Varela, imputado na trama esta semana.

Outro presionado a presentar a súa renuncia desde hai tempo é o primeiro tenente de alcalde e portavoz do Goberno municipal da Coruña, Julio Flores, cunha dobre imputación polos presuntos delitos de tráfico de influencias e suborno. Con todo, hoxe mesmo sinalaba que non se lle pasou pola cabeza" dimitir.

Flores foi imputado na peza separada da Pokemon para A Coruña, a Pikachu, o pasado mes de decembro por un presunto delito de tráfico de influencias, e agora tamén por un presunto delito de suborno, polo que terá que declarar en Lugo o vindeiro luns.

Ante os medios de comunicación afirmou que o alcalde, Carlos Negreira, pediulle que "manteña a cabeza fría" e mostroulle confianza total para que continúe co seu traballo. "Ninguén me expuxo dimitir e, desde logo, nin se me pasou pola cabeza presentar a miña dimisión", subliñou, e negouse "a alimentar calquera tipo de morbo nun xuízo paralelo".

Tamén desde A Coruña o edil José Nogueira, chamado de novo como imputado a declarar na Operación Ppkemon, afirmou hoxe que non ten "nada que ocultar".

En declaracións aos informadores facilitadas polo seu grupo municipal, en responsable de contratacións na corporación anterior, afirmou que recibira esta segunda citación "desde un estado de normalidade e de ánimo". "Repito o que dixen hai uns meses -subliñou-, non teño nada que ocultar, absolutamente nada" e, "de feito, todas as preguntas que me fixo (a xuíza) no mes de febreiro, contesteille a todas, incluso algunha das que parece que me pode preguntar o"luns , en que declarará de novo.

Esta mesma mañá, en Lugo, o portavoz do Goberno local, o socialista Luis Álvarez esixía hoxe o "absoluto" respecto á presunción de inocencia do presidente do PP de Lugo e portavoz no Senado, José Manuel Barreiro, citado tamén pola xuíza.

Comentarios