Age cre que o PP bloquea a ILP que demanda servizos para o Hula

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou ao PPdeG de "bloquear" a iniciativa lexislativa popular (ILP) para dotar ao Hospital de Lugo de servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear. "A tramitación sufriu, desde o inicio, un atraso inexplicable, o noso grupo preguntou, en repetidas ocasións, pola causa do mesmo e non obtivo respostas", denunciaron este venres os deputados Eva Solla e Ramón Vázquez.

A parlamentaria viguesa e o deputado lucense recordaron que o pasado 12 de xuño Age preguntou polos atrasos no referido a esta ILP, cando "o relatorio encargado de debater o texto foi convocada ás présas". "Foi un intento de quedar ben, cunha cidadanía cada vez máis indignada coa demora", recordaron antes de destacar que "5.600 pacientes foron trasladados por estrada ao hospital da Coruña debido ás carencias que pretende reparar a ILP". 

"Mentres tanto, o PP ofrecía e ofrece escusas inverosímiis, como a necesidade de contactar con persoas expertas para axudar no relatorio da proposición de lei", apuntaron antes de lamentar que, "un mes e medio logo de iniciarse o período de sesións parlamentarias en curso, o relatorio da iniciativa lexislativa popular non se convocou". 

Por iso, os parlamentarios de Age lamentan que a lei para terminar coa "discriminación sanitaria dos lucenses continúe bloqueada e os prazos comprometidos negados".

Comentarios