AGE acusa ao director xeral de CRTVG de mentir no Parlamento

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) acusou ao director xeral da CRTVG, Afonso Sánchez Izquierdo, de mentir ante o Parlamento e esixe da Xunta o seu cesamento e elección dun novo responsable pola Cámara.

O grupo parlamentario explica nunha iniciativa parlamentaria que o pasado 30 de abril, en comparecencia ante a Comisión de Control, o actual responsable da CRTVG foi preguntado por AGE polos contenciosos coa axencia tributaria e respondeu que formalmente non coñecía a situación e "o portavoz de AGE parece ter máis coñecemento do tema que eu mesmo" ou "non podo informar do que non teño coñecemento".

Para o grupo da oposición, "esta situación é extremadamente grave, cando a día de hoxe coñecemos que Facenda ten aberta unha inspección sobre este tema, sobre unha retención de 8,3 millóns de euros e que nas datas da citada comparecencia, a CRTVG tiña coñecemento da mesma, pois iniciara os trámites para recorrer no contencioso esta situación".

Ademais, tamén se dirixiu á Consellería de Facenda para solicitar unha transferencia de crédito que liquidase as dificultades que esa retención puidese levar ao ente público, agrega AGE.

"Polo tanto -sinala o grupo nunha pregunta á Xunta-, queda claro que o máximo responsable da CRTVG non só mentiu ante o Parlamento galego, senón que tratou de ocultar unha situación da que tiña coñecemento, que negou a este grupo e que obviar no seu informe anual", o que o "invalida para exercer o seu cargo".

Ademais, AGE rexistrou unha proposición non de lei pola que insta á Xunta a proceder "de forma inmediata" a cumprir a lei de medios públicos, cesar ao director xeral e nomear o seu substituto polo propio Parlamento, así como adoptar as medidas normativas oportunas que permitan incrementar a capacidade de control económico e de xestión do Parlamento sobre a CRTVG.

Comentarios