Adxudicadas as marcas Deleite e Muuu a Leite Noso por 670.000 euros

Casa Macán tamén puxou, pero a súa oferta final foi de 652.000 euros, polo que se impuxo a que ofrecía un maior importe económico
Bricks de Deleite, durante el proceso de envasado
photo_camera Bricks de Deleite, durante el proceso de envasado

A sociedade Leite Noso adxudícase, por 670.000 euros, as marcas comerciais Deleite e Muuu, anteriormente asociadas á desaparecida Alimentos Lácteos.

O pasado mércores día 9 Casa Macán tamén se presentou á poxa –convocada polo xulgado mercantil de Lugo–, que fixo unha oferta de 652.000 euros. Tamén se comprometía á contratación de extraballadores de Alimentos Lácteos e a incorporación de cooperativas.

Leite Noso tamén expresou o seu compromiso co antigo persoal da planta, aínda que non foi tan precisa como a súa competidora respecto a este termo. Si se sabe que se seguirá envasando na planta de Outeiro de Rei.

A poxa resolveuse finalmente sen que ningún dos dous puxantes mellorase a súa oferta inicial, polo que as marcas foron adxudicadas á mellor oferta económica.

Tras presentar Alimentos Lácteos concurso de acredores hai dous anos, as súas marcas comerciais foron taxadas, á baixa, en 5,6 millóns de euros. A única poxa que se celebrou ata o momento no xulgado, en xaneiro do ano pasado, quedou deserta por falta e ofertas. Entón o prezo de saída fixouse en 1,6 millóns, máis do dobre que esta vez.

Comentarios