Aduanas requisou 'o ouro das fillas' de Conde Roa

Os axentes de Vixilancia Aduaneira que rexistraron o domicilio do exalcalde de Santiago Gerardo Conde Roa en febreiro de 2013, pola súa suposta implicación na operación Pokemon, levaron catro lingotes de ouro, un suposto regalo dos avós das fillas do exrexedor para cando estas cumprisen os 18 anos

Os lingotes, de distinto peso e tamaño, suman un total de 1,4 quilogramos e un valor aproximado duns 50.000 euros.

Nunha nova remesa de trece tomos, entre o 57 e o 69, á que EFE tivo acceso, consta un informe de Vixilancia Aduaneira cos efectos incautados no domicilio de Conde Roa, que xa dimitira por estar imputado nunha causa anterior por fraude fiscal, pola que posteriormente foi condenado.

Un funcionario de Vixilancia Aduaneira e outro da Axencia Tributaria fan constar nun informe que depositan na caixa forte do delegado especial da AEAT en Galicia catro lingotes de ouro por un peso cada un dun quilogramo, 0,250 quilogramos, 0,1 quilogramos e 0,05 quilogramos, respectivamente, requisados no rexistro do domicilio habitual de Conde Roa.

Os funcionarios fan constar, ademais, que os lingotes quedan precintados con cinta da Axencia Tributaria nunha táper de cor verde xunto cun número indeterminado de moedas de ouro.

No informe figuran dúas cartas datadas en Hayda (Alemaña) e escritas en alemán, así como dúas traducións "non oficiais" que indican que os autores son os avós de dúas fillas de Conde Roa.

Segundo as traducións, os avós indican que o ouro é un agasallo para as súas netas, para cando cumpran 18 anos, e fixan o valor nuns 50.000 euros.

Comentarios