Adegas Moure axudou ao CSIC nun estudo pioneiro de vitivinicultura

Durante tres anos analizáronse pragas da vide, produtividade por planta e parámetros ambientais para mellorar as colleitas
Evaristo Rodríguez muestra insectos que atacan las vides
photo_camera Evaristo Rodríguez muestra insectos que atacan las vides

Unha das adegas máis antigas da Ribeira Sacra, Adegas Moure, con sede no Saviñao, foi elixida polo Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para participar nun ambicioso proxecto de control de pragas, rendemento de vides e condicións ambientais que inflúen tanto na cantidade como na calidade anual de cada colleita.

Foi un traballo que se desenvolveu ao longo dos últimos tres anos e que un dos responsables de Adegas Moure, Evaristo Rodríguez, cualificou de "enormemente interesante e prometedor para mellorar ou noso traballo".

Os técnicos do CSIC están inmersos actualmente na realización dunha recensión de todos os datos para dar a coñecer publicamente os resultados obtidos grazas a este estudo que levou a cabo nas cinco denominacións de orixe galegas, pero tamén noutras de España.

Adegas Moure puxo a disposición dos especialistas do CSIC catro viñas, tres situadas na zona da Cova (O Saviñao) e outra en Quiroga, onde os chans non son iguais, como tampouco a altitude nin as condicións ambientais ao longo do ano.

O obxectivo era determinar como inflúen enfermidades típicas das vides como o odio, o mildiu ou a botritis en diferentes variedades, principalmente a mencía, e a produtividade por planta, á vez que se instalaban aparellos de última xeración tecnolóxica que miden en tempo real humidade, temperatura e outros parámetros ambientais.

BENEFICIOS. "Todos eses datos coñeciámolos en tempo real mediante unha páxina web, na que daban avisos sobre a necesidade de facer intervencións nas plantacións", destacou Evaristo Rodríguez.

Indicou que, así, "pódese traballar por incidencia detectada e non por aparencia", polo que se reducen os tratamentos químicos que se aplican nas plantas, "conseguindo uns viños máis sans por estar menos tratados", subliñou.

Este responsable de Adegas Moure mostrouse encantado de participar neste estudo do CSIC, pois, asegurou, "sen unha investigación seria coma esta non sería posible chegar aos mesmos resultados que se obterían por separado, pois leva moitos anos conseguilos. Ademais, outro tipo de investigación sería complicado poñela en común".

Rodríguez encomiou "a seriedade" coa que traballa a xente do CSIC, á vez que se mostrou convencido de que os resultados que sairán dese estudo axudarán moito tanto aos viticultores como aos adegueiros da denominación de orixe Ribeira Sacra á hora de manter as viñas o máis saneadas posible e facer unha vinificación máis precisa.

Comentarios