Adega recorre as bases dos cinco primeiros proxectos do Dusi

Os ecoloxistas, xunto a Lugo de cara ao Miño, presentaron un recurso contra os pregos do contrato, adxudicado a Inca

A asociación ecoloxista Adega e o colectivo Lugo de cara ao Miño presentaron ante o Concello un recurso de reposición contra o prego para a redacción dos proxectos das cinco iniciativas que se pretenden executar nas proximidades do Miño ao amparo da estratexia Dusi.

De acordo coa resolución da mesa de contratación, o Concello encargará este traballo a Inca, a polémica concesionaria da fábrica da luz. Con todo, os recorrentes consideran que as bases da adxudicación "van en contra dos principios e da filosofía do Dusi", ademais de que non ofrecen "as garantías necesarias de contratación".

Segundo detallan no seu documento, os pregos non aluden a criterios que inspiran a liña europea e que vincularían ás licitadoras en aspectos como "a igualdade entre homes e mulleres, a atención a grupos sociais discriminados e á poboación maior de 65 anos, ou a mudanza do cambio climático como tema transversal". Outra deficiencia que aprecian é que as bases non contemplen a exclusión de empresas que causen "prexuízo aos bens públicos ou ás arcas municipais ou que teñan hipotecados bens ou concesións municipais non satisfeitas en grande medida", unha referencia que parece dirixirse á situación de Inca en relación á concesión da fábrica da luz.

Ademais, Adega e Lugo de cara ao Miño tamén reprochan ao Concello que antepoña os criterios económicos ou que non se establezan nas bases mecanismos que permitan detectar supostos de baixa temeraria, entre outras cuestións. No seu recurso, advirten de que non descartan recorrer a instancias europeas se non reciben resposta, á vez que sinalan que prevén trasladar este escrito ás forzas políticas con representación municipal.

CONCELLO. Pola súa banda, o Concello recoñece a existencia desta reclamación, da que di que se está analizando no servizo de Contratación para darlle resposta. Unha vez que este departamento emita informe, trasladarase a resolución á xunta de goberno local.

As obras a executar son a reforma da Volta da Viña, a pasarela peonil ao Ángel Carro, a prolongación do paso inferior baixo a N-VI cara a este estadio, a posta en valor do patrimonio histórico e cultural no Carme e, finalmente, a descontaminación e rehabilitación de chans contaminados nesta mesma zona.

Comentarios