Adega inicia unha campaña para que o Pedregal sexa Monumento Natural

Considera que o lugar de nacemento do río Miño require dun maior nivel de protección ante ameazas como o "espolio, o cemento, os eucaliptos" e, sobre todo, "o esquecemento"
Festa da Afirmación e Dignidade do Pedregal de Irimia
photo_camera Festa da Afirmación e Dignidade do Pedregal de Irimia

A organización ecoloxista Adega iniciou unha campaña, que inclúe unha recollida de firmas de apoio, para conseguir que o Pedregal de Irimia, lugar de nacemento do río Miño —no municipio lucense de Meira—, sexa declarado Monumento Natural e goce dun maior nivel de protección, porque agora mesmo atópase "ameazado" polas plantacións de eucaliptos. Esta iniciativa comezou o pasado fin de semana no propio Pedregal de Irimia, coa lectura dun manifesto no que se recorda que é "un deses lugares que na cultura colectiva galega representan como poucos a nosa identidade como pobo", porque nel nace "o pai dos ríos galegos".

Subliña o manifesto que, a pesar do seu valor cultural e natural, "son moitas as ameazas que penden sobre este espazo", como a "degradación paisaxística, a plantación de eucaliptos" ou "o turismo desordenado". En calquera caso, subliña que a principal ameaza "é o esquecemento", destino de "aquilo que non se pode comprar e vender".

"As entidades e persoas que subscribimos este manifesto negámonos a que isto suceda. Negámonos a que o pai Miño quede orfo, como un refuxiado na súa propia terra, privado do seu lugar fundacional", engade. 

Os colectivos que asinan ese manifesto reclaman da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o inicio do procedemento para que o Pedregal de Irimia sexa declarado Monumento Natural, pois "ben merece ese pequeno recoñecemento", un "paraugas legal" que mellore a súa protección ante "ameazas" como o "espolio, o cemento, os eucaliptos" e, sobre todo, "o esquecemento".

Comentarios