Adega denuncia ofertas en webs para cazar lobos nos Ancares e zona sur

Ao tratarse dunha especie protexida, este tipo de monterías deben ser autorizadas de forma expresa pola Xunta
Web en la que se ofrece abatir un lobo por 2.800 euros.
photo_camera Web en la que se ofrece abatir un lobo por 2.800 euros.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) denunciou ante a Dirección Xeral de Conservación e a Fiscalía Ambiental do TSXG os anuncios que aparecen en diferentes páxinas webs nas que se ofertan monterías de lobo nas comarcas dos Ancares e Ribeira Sacra.

Concretamente, Adega refírese á páxina web cazaribeirasacra.es, que ofrece abater un exemplar na zona sur, e a unha oferta publicada en milanuncios.com, na que directamente se vende unha montería na reserva dos Ancares.

Os prezos destes trofeos oscilan entre os 1.000 e 2.800 euros «negociables» por lobo. Fronte a estas prácticas, Adega recorda que este tipo de monterías son ilegais e que para poder realizalas é a Xunta a que debe dar unha autorización específica, «coma así ou establecen as directrices de control ás que está sometida a especie».

A través dun comunicado, Adega móstrase sorprendida pola «naturalidade e absoluta impugnidade» coa que actúan estes anunciantes e recorda que estas prácticas contra o lobo ibérico, ademais de atentar contra «unha dás xoias do noso patrimonio natural», son ilegais.

O colectivo ecoloxista non entende que non se actúe contra quen fomentan este tipo de cacerías, xa que, nalgúns casos, os anuncios aparecen publicados por empresas identificadas coa actividade do turismo cinexético e, noutros, son anuncios en webs xeneralistas nos que aparece un teléfono móbil ao que chamar.

Adega explica, neste sentido, que as empresas que anuncian as cacerías están a cometer un posible delito penal, xa que aínda que o lobo está inventariado como especie cinexética en Galicia, a súa xestión está regulada polo Decreto 297/2008.

Isto significa que as cacerías de lobos só autorízanse de forma expresa, cando os animais causen danos que se deberán xustificar mediante un informe técnico. Ademais, estes controis da especie só faranse coa colaboración de sociedades de caza e baixo a supervisión dos axentes ambientais da Xunta.

A asociación ecoloxista insiste en que, en todo caso, non está permitido facer un aproveitamento comercial deste tipo de monterías e que a venda de lobos como trofeo está totalmente prohibida. Na denuncia que Adega presentou por escrito ante a Dirección Xeral de Conservación e a Fiscalía Ambiental alértase que as empresas que comercializan estes servizos están a incorrer contra o artigo 335 do Código Penal, que establece o plan de conservación do lobo ibérico.

Comentarios