Adega culpa á Xunta da indemnización á construtora que destruíu un castro

A organización ecoloxista Adega e o colectivo Mariña Patrimonio culpan directamente ao servizo de Patrimonio da Xunta e ao Concello de Cervo da indemnización que terá que pagarlle a Administración á construtora que destruíu parte do Castro de Atalaia, en San Cibrao.

Ante a recente sentenza do Tribunal Supremo que obriga á propia Xunta de Galicia a indemnizar á empresa construtora que foi responsable "da destrución en 2007 de parte do Castro da Atalaia", ambos os colectivos aseguran que non teñen "ningunha dúbida de quen son os responsables do sucedido".

Nese sentido, aclaran que cando a empresa Promociones San Ciprián comezou a comprar leiras na Atalaia, "para evitar un desastre arqueolóxico", solicitouse por escrito "a protección do xacemento", cuxa existencia xa fora constatada en 2006, durante a execución dunhas obras do Concello de Cervo.

Polo tanto, "os arqueólogos de Patrimonio" en Lugo "tiñan a obrigación de inventariar e de protexer este ben patrimonial, o que impedise que o Concello de Cervo concedese as licenzas para edificar sobre o xacemento da Atalaia".

Con todo, o servizo de Patrimonio en Lugo tardou "nada menos que vinte meses en incluílo no inventario", concretamente o 19 de abril de 2007, "curiosamente" un día despois de que o Concello de Cervo lle outorgara a Promocións San Ciprián "a última das licenzas".

Por todo iso, Adega e Mariña Patrimonio demandan á Dirección Xeral de Patrimonio que depure "posibles responsabilidades" do seu servizo en Lugo, así como a demolición "da edificación ilegal" e a "expropiación dos terreos que o construtor ten no xacemento".

Tamén felicitan ironicamente á empresa construtora, porque a pesar de destruír 1.600 metros cadrados de xacemento arqueolóxico, conseguiu librarse das denuncias" e, a pesar de ter "un edificio ilegal", vai recibir diñeiro" da Xunta de Galicia a través dunha indemnización.

Comentarios