Acúsano de acosar unha lucense e alega que reclamaba unha débeda

A denunciante dixo que lle mandaba ata cen mensaxes ao día e o home asegura que só lle reclamaba 16.400 euros que lle debía

Cribou a mensaxes a unha lucense durante meses e acabou acusado dun delito de coaccións, polo que a Fiscalía solicita un ano de prisión e a acusación particular pide dous anos e medio de cárcere. O home, A.P.J.L., negou calquera tipo de acoso e alegou que unicamente lle reclamaba unha débeda.

Segundo as acusacións, o home mantivo unha relación sentimental coa muller en 2016 e, cando ela decidiu porlle fin, o acusado empezou a mandarlle multitude de correos electrónicos e mensaxes de WhatsApp nos que lle dicía cousas como: "Vou acabar coa túa vida persoal, profesional e familiar se non deixas ao teu noivo e me devolves o diñeiro que che ingresei", "envíoche a miña conta para que me ingreses os 16.400 euros que me estafaches", "ofrézoche que deixes a ese e empezar de cero" ou "tes ata o xoves para chegar a un acordo ou chamo ao teu pai e ao teu fillo".

A muller sinalou no xuízo que o acusado lle chegou a enviar máis de cen mensaxes diarias. "Acabei perdendo o traballo e tiven que ir ao psicólogo. É mentira que el quixese diñeiro, quería volver comigo custase o que custase e desde entón vivo con medo", dixo. O acusado, pola contra, negou que intentase retomar a relación. "¿Como ía querer volver cunha persoa que me estafou e me deixou a conta con 50 euros? De feito púxenlle unha denuncia por estafa e un xulgado de Xetafe xa a admitiu a trámite", alegou.

Para as acusacións, existise ou non a débeda, o home cometeu un delito de coaccións e piden a súa condena, así como unha indemnización para a vítima.

Comentarios