O BNG esixe ao goberno local que elabore un plan de control

A actividade das velutinas no municipio lucense disparouse este ano

A Consellería de Medio Rural destruíu en 2017 na capital 26 niños deste insecto, máis que nos tres anos anteriores xuntos ►O último núcleo de cativa foi descuberto estes días na copa dunha árbore preto da zona de xogos infantís do parque Rosalía
El nido descubierto cerca del parque Rosalía de Castro
photo_camera El nido descubierto cerca del parque Rosalía de Castro

A actividade das avispas velutinas vai en aumento no municipio de Lugo. Nos oito primeiros meses deste ano a Consellería de Medio Rural eliminou 26 niños na capital lucense, máis que nos tres últimos anos xuntos.

Esas cifras, con todo, aínda distan moito das rexistradas nos municipios da Mariña, desde O Vicedo ata A Pontenova -excepto Viveiro e Ribadeo-, que é a zona máis castigada por esta praga na provincia de Lugo.

No que vai deste ano foron retirados ou inactivados 9.845 niños de avispa velutina en Galicia, case unha décima parte, 869, na provincia de Lugo, segundo informou o venres a Consellería de Medio Rural.

Estes días foi descuberto un núcleo de cativa na contorna do céntrico parque Rosalía de Castro de Lugo. Este niño é de difícil acceso e localización porque se atopa na copa dunha árbore, que rolda os 20 metros de altura.

A presenza das velutinas detectouse na zona de xogos infantís do Parque. Un técnico ambiental que fixo pola súa conta un seguimento desas avispas localizou o niño no alto da árbore, ás portas do pulmón verde da cidade.

Por agora non se ten constancia de que se produciron ataques desta especie invasora a persoas na capital lucense nos últimos días.

Que se pode facer? A Xunta de Galicia ten activado un protocolo para actuar cando se detectan niños de velutinas para proceder á súa retirada. Se se localiza un, como sucedeu no caso do achado nunha árbore das inmediacións do parque Rosalía de Castro, débese pór en coñecemento do servizo de urxencias 112.

O presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (Apla), Pablo Piñeiro, explicou o venres que a forma máis eficaz para eliminar aos exemplares desta especie invasora é actuar «pola noite», que é cando están reagrupados, debido a que son «diúrnos».

Pablo Piñeiro sinalou que como os niños só teñen un orificio de entrada e saída o aconsellable é taponalo con poliuretano ou outra sustancia, cortar a rama para retiralo e queimalo.

O presidente de Apla asegurou que nesta época do ano, entre os meses de xullo e setembro, é cando a actividade das avispas velutinas está «en plena efervescencia», saíndo e entrando as obreiras no niño para alimentar ás cativas.

Comentarios