83-77. O Palencia completa as semifinais tras derrotar ao Leyma Coruña

Os palentinos enfrontaranse ao Oviedo na outra eliminatoria, na que os asturianos teñen a vantaxe de campo

O Queixos Cerrato Palencia tamén estará nas semifinais dos play off da LEB Ouro tras imporse ao Leyma Coruña no quinto partido da súa serie por 83-77. Os palentinos estiveron liderados polos veteranos Marc Blanch e Urko Otegui, con 18 e 16 puntos respectivamente. Sergio Olmos, con 13 puntos e 8 rebotes, foi o mellor dos de Tito Díaz. 

O cadro de semifinais da LEB Ouro xa está completo coas vitorias este martes de Breogán e Palencia. Os lucenses enfrontaranse ao Burgos, que chega descansado tras acabar pola vía rápida (3-0) co Melilla. O primeiro partido, o venres no Pazo. Palencia e Unión Financeira Oviedo protagonizarán a outra semifinal, con vantaxe de campo para os asturianos, que eliminaron o COB, por ser os campións da Copa Princesa.

As eliminatorias, tamén ao mellor de cinco encontros, comezan este venres e os segundos partidos serán o domingo. O venres 26 e o domingo 28 serán o terceiro e o cuarto partido (se fose necesario). O quinto, de habelo, e non sería de estrañar en dous cruces que se antollan igualadísimos, sería o martes 30.  

Comentarios