A xustiza francesa rexeita a demanda de liberación de Josu Ternera

As tres xuízas da sala non aceptaron os argumentos da defensa de Urrutikoetxea
Josu Ternera, en 2002.EFE
photo_camera Josu Tenreira, en 2002.EFE

A sala de instrución do Tribunal de Apelación de París rexeitou este mércores a demanda de liberación do histórico dirixente etarra José Antonio Urrutikoetxea, 'Josu Ternera', que está encarcerado porque a xustiza española reclámao para xulgalo en catro causas diferentes.

As tres xuízas da sala non aceptaron os argumentos da defensa de Urrutikoetxea, que ao final da audiencia garantiulles que en caso de quedar en liberdade presentaríase a todas as convocatorias ás que fose citado, e para apoiar a súa promesa dixo que no País Vasco "a palabra é sacra".

Os seus dous letrados, Laure Heinich e Laurent Pasquet-Marinacce, que agora poderían recorrer esta decisión ante o Tribunal Supremo, insistiron en que non debería estar en prisión en primeiro lugar polo seu estado de saúde.

Referíronse, sobre todo, á operación de próstata á que foi sometido o pasado día 2, e que inicialmente debía terse realizado o 16 maio, o día da súa captura no aparcadoiro do hospital da localidade de Sallanches, nos Alpes.

Heinich falou de "humillación" e de trato "degradante" porque considerou que non se lle deu a atención médica que necesitaba. En particular porque tivo que levar unha sonda urinaria ao aprazarse esa intervención ata comezos de setembro.

A letrada tamén tratou de convencer ás xuízas de que, en caso de ser liberado, había garantías de que Urrutikoetxea respondería os requirimentos xudiciais.

Comentarios