"Xa non chegamos a ver a catedral antes de arder"

O lucense Antón Bao tiña prevista unha visita ao templo na tarde do incendio

Catedral de Notre Dame. JULIEN DE ROSA (EFE)
photo_camera Catedral de Notre Dáme. JULIEN DE ROSA (EFE)

Varios lucenses foron testemuñas do ocorrido en Notre Dame. Algúns estaban alí de viaxe, outros residen na capital francesa, pero a ningún deixou indiferente o sucedido.

Fabio González. EPFABIO GONZÁLEZ
Sober Viticultor
"Soubemos o alcance do lume pola televisión. Nós só viamos fume"

Fabio González, da adega Algueira da denominación de orixe Ribeira Sacra, atopábase o luns pola tarde en París. Participaba nun showroom de viños organizado polo importador Daniele Gérault. Segundo explicou, a xornada de traballo terminou cerca das sete da tarde e foi cando se dispuñan a saír do evento cando lles chegou a noticia de que o monumento estaba a arder. "Estabamos a uns 600 ou 700 metros da catedral, pero realmente non fomos moi conscientes do que estaba a pasar ata tempo despois", explicaba este martes Fabio González.

O mozo engade que a envergadura do incendio viuse a través dos medios de comunicación. "As imaxes que tomaron os medios foron as que permitían ver o que pasaba, nós aquí viamos o fume pero non moito máis", explica. A pesar da gravidade da situación, os adegueiros puideron seguir coa axenda prevista. O mesmo luns pola noite participaron nunha cea con outra xente do sector e Fabio González asegura que percibiu a sensación "de normalidade" aínda que na zona próxima á catedral había moita xente pese ao gran cordón de seguridade.

Antón Bao. EPANTÓN BAO
Lugo Profesor e expolítico
"É unha perda moi grande para Francia, que non se pode cuantificar"

O profesor Antón Bao, exvicepresidente da Deputación e exconcelleiro nacionalista en Lugo, atópase estes días en París de viaxe. "Volviamos de ver o Arco do Triunfo e estabamos á altura da Praza da Concordia cando vimos a columna de fume", explica o lucense. "Estaba claro que algo pasaba na zona monumental e comezamos a mirar en internet", detalla. Case de xeito simultáneo lían os avances da prensa francesa sobre o incendio e chegábanlles mensaxes de familiares e amigos de Galicia que lles preguntaban se se atopaban ben.

"É unha perda que non se pode cuantificar. Nós xa non puidemos chegar a ver Notre Dame con toda a súa beleza. Tiñamos prevista esa visita para hoxe (por este martes) pero o lume xa non nos permitiu gozar dese patrimonio", dixo. Bao seguiu pola televisión francesa o desenvolvemento do incendio e intentou achegarse á zona pero non lle foi posible. "Hai uns puntos dende os que se poden ver as torres e a andamiaxe queimada ao lonxe pero toda a contorna está pechada". O ambiente que se atopou este martes na rúa foi o de conmoción: "Hai moita xente que ama o patrimonio, especialmente rapaces, chorando". O lucense asegura que as zonas nas que se adoitan mover os turistas este martes estaban tomadas polos propios veciños que querían comprobar como quedou o monumento.

Luis Pérez. EPLUIS PÉREZ
Brollón Xerente nunha empresa
"A xente estaba moi ilusionada con esta restauración do templo"

Luis Pérez Pérez é parisiense, pero as súas raíces están en Ferreiros (A Pobra do Brollón). Os seus amigos galegos foron os que o luns o avisaron de que estaba a arder a catedral cando el estaba no traballo. "Un amigo de Ferreiros envioume un vídeo e o primeiro que pensei foi nun novo ataque terrorista", di. Aos poucos minutos Pérez foi fiando as informacións que chegaban a través das redes e entendeu do que se trataba. "Pero aínda así, cando vin as imaxes da agulla non puiden evitar recordar o derrube do World Trade Center", afirma.

Pérez vive nun distrito a seis quilómetros da zona da catedral pero nas últimas dúas xornadas puido vivir a "tristeza que invade a París". El estivo tres veces na catedral e insiste en que é o monumento máis querido polos veciños de París. "Había moita xente moi ilusionada con esta restauración. Fixéronse outras dous antes, pero esta era a máis ambiciosa", conclúe.

Comentarios