A vacina de Oxford xera unha potente resposta inmune nos anciáns

Pruebas en un laboratorio. XESÚS PONTE
photo_camera Probas nun laboratorio. XESÚS PONTE

A vacina contra a covid que desenvolve a Universidade de Oxford, en colaboración coa farmacéutica AstraZeneca, xera unha forte resposta inmune entre os anciáns, o grupo máis vulnerable, revela este luns o Financial  Times.

Os ensaios clínicos desa vacina están na fase 3, a última antes de coñecer con exactitude se é segura e se permite protexer á poboación da enfermidade, tras o cal necesitará o visto e prace dos reguladores antes de procederse a unha vacinación masiva.

Segundo puido saber o xornal de dúas persoas familiarizadas con estes estudos, a vacina xera entre os anciáns anticorpos e as chamadas células T (cuxo principal propósito é identificar e matar patógenos invasores ou células infectadas).

A idade é o principal factor de risco da covid-19 dado que o sistema inmunolóxico debilítase co tempo, polo que este grupo é o que máis necesitará protección contra o coronavirus.

Os investigadores, segundo o Financial, están animados pola resposta inmune que xera a vacina entre as persoas maiores.

Os resultados das primeiras probas clínicas da vacina de Oxford, publicados o pasado xullo, xa indicaban que xera anticorpos e as células T.

Espérase que os detalles dos últimos achados sexan publicados pronto nunha revista médica, engade o diario.

"Se teñen datos que mostran que a vacina xera unha boa inmunidade, medida no laboratorio, no grupo de máis de 55 anos, e que inclúe unha boa resposta en xente que é moito maior, creo que é un sinal prometedor", sinalou ao diario Jonathan Ball, profesor de viroloxía da Universidade inglesa de Nottingham.

En agosto, a Unión Europea (UE) pechou con AstraZeneca un primeiro contrato que lle garante acceso a 300 millóns de doses, pacto que se rubricou en nome dos Estados membros e as doses distribuiranse en función da poboación de cada país.

Comentarios