Unha vintena de mineiros quedan atrapados no interior dunha mina en Turquía tras un derrube

Un total de 20 mineiros están atrapados nunha mina de carbón na provincia de Karaman, no centro de Turquía, ao producirse un derrube provocado por unha acumulación de auga, segundo os primeiros datos facilitados polas autoridades.

"Non houbo explosión de grisú nin fuga de gas. A auga alagou a galería", explicou o gobernador de Karaman, Murat Koca, á emisora CNNTürk, corrixindo as primeiras informacións que sinalaban a unha explosión como a causa do derrube.

O gobernador explicou que no momento do accidente había 40 mineiros na galería sinistrada, dos que 20 aínda non puideron saír. "Ata onde sei, non hai contacto" (cos mineiros atrapados) indicou Koca, quen indicou que os equipos de rescate están a tratar de bombear a auga acumulada.

O presidente do sindicato Unión de Traballadores da Mina, Nurettin Akcul, declarou ao diario Hürriyet que se produciu un rebentón pola presión da auga e que as primeiras noticias que se recibiron non son moi positivas.

O accidente ocorreu na localidade de Pamuklu, na provincia de Karaman en Anatolia central.

O pasado maio, un incendio nunha mina de carbón en Soma, en Turquía occidental, causou a morte de 301 traballadores.

As minas de carbón de Turquía cóntanse entre as máis perigosas do mundo, cun cociente de 6,5 mineiros mortos por cada millón de toneladas de carbón extraído, unha cifra trinta veces superior á doutros países cun desenvolvemento económico comparable.

Comentarios