
A condena de Rusia ao opositor Alexéi Navalni levou este luns á Unión Europea a estrear contra Moscova o seu novo réxime de sancións polas violacións dos dereitos humanos, que emula á Lei Magnitsky de Estados Unidos.
Tras a viaxe a Rusia do alto representante para a Política Exterior da UE, Josep Borrell, os ministros de Exteriores dos Vinte e sete pedíronlle este luns que presente unha lista de persoas directamente relacionadas coa condena de Navalni, que segundo dixo o dirixente español, podería estar aprobada a semana que vén.
"Hai unha avaliación compartida no Consello de que Rusia está a derivar nun Estado autoritario e estase afastando da UE. De forma unánime, os ministros interpretaron as recentes accións de Rusia como
Ademais, Borrell baseouse nesa unanimidade para celebrar que ningún ministro censurase a súa viaxe a Rusia, tras as críticas xurdidas as semanas anteriores sobre a idoneidade da visita tras a condena a Navalni, nas que 81 eurodiputados chegaron a pedir a súa dimisión.
"A actuación rusa provocou que a UE pechase filas. Si, pódese dicir así", comentou Borrell.
"Se cadra, sen o que ocorreu en Moscova non houbese hoxe unanimidade en materia de sancións polo caso Navalni", continuou.
Segundo explicou o ministro de Exteriores de Polonia, Zbigniew Rau, o consenso entre os xefes europeos da diplomacia alcanzouse "rapidamente".
"Todo o mundo apoiou a idea" de que "a UE no seu conxunto non está preparada e nunca estará preparada para aceptar este tipo de formulación sobre os dereitos humanos e a sociedade civil", que ten o Kremlin.
As sancións consistirán en prohibir a entrada ao territorio comunitario ás persoas que se inclúan na lista e a conxelación dos bens e os activos que teñan na UE.
VÍNCULO CON NAVALNI. Incluirá unicamente a persoas relacionadas co caso Navalni, para evitar que o Tribunal de Xustiza da UE poida declarar ilegal o castigo, no caso de que non houbese suficiente base xurídica para xustificar as medidas restritivas.
"Se non existe un vínculo que podamos probar ante o tribunal, non o podemos utilizar. Así funciona o Estado de Dereito", dixo Borrell.
Serán as terceiras sancións que os Vinte e sete aproben contra Rusia, tras as adoptadas pola anexión de Crimea e a guerra no leste de Ucraína e polo envelenamento de Navalni.
BLINKEN. Sobre as sancións a Rusia falaron os ministros co novo secretario de Estado de Estados Unidos, Antony Blinken, nunha conversación telemática, e o novo xefe da diplomacia en Washington apoiou a decisión.
Segundo o seu portavoz, Ned Price, o secretario de Estado celebrou a decisión da UE de impor sancións contra Rusia baixo o novo réxime de sancións de dereitos humanos, en resposta ás accións levadas a cabo contra Alexéi Navalni e os seus simpatizantes.
DIÁLOGO. No entanto, Borrell defendeu que a relación da UE co Goberno ruso debe basearse en tres alicerces: "O retroceso, a contención e o compromiso".
"O retroceso, cando Rusia incumpre o dereito internacional e os dereitos humanos. A contención, cando intenta aumentar a súa presión sobre nós, incluíndo a desinformación e os ciberataques. E o compromiso, en temas sobre os que temos un interese en facelo", dixo.
Un compromiso que tamén defenderon a ministra de Exteriores de España, Arancha González Laya, ou o ministro de Exteriores alemán, Heiko Maas.
Ambos apostaron por manter o diálogo con Moscova en temas como o cambio climático, a loita contra a pandemia ou o acordo nuclear iraniano.
A relación da UE con Rusia centrará parte do cume que celebrarán en marzo os xefes de Estado ou de Goberno da UE.