Trump enfróntase á CIA

O presidente dos Estados Unido tachou de "ridícula" a conclusión da axencia de que Rusia lle axudou a gañar con ciberataques

O presidente electo de EE UU, Donald Trump, tachou este domingo de "ridícula" a conclusión da CIA de que Rusia lanzou ciberataques co obxectivo expreso de axudarlle a gañar as eleccións de novembro e opinou que é unha mentira impulsada "polos demócratas", que se resisten a aceptar a súa derrota nas urnas.

"Creo que é ridículo. Non mo creo, non mo creo en absoluto", dixo Trump nunha entrevista emitida na cadea de televisión Fox News.

"Creo que os demócratas están a impulsar isto porque sufriron unha das maiores derrotas na historia de Estados Unidos", engadiu o presidente electo, que gañou á candidata demócrata Hillary Clinton por unha ampla marxe no colexio electoral (306 fronte a 232) pero non logrou imporse no voto popular.


Trump asegura que cando el chegue ao poder en xaneiro haberá xente diferente" á fronte das axencias de intelixencia


Trump reaccionaba así á información publicada este fin de semana polo diario The Washington Post, na que indicaba que a CIA chegara á conclusión de que Rusia interveu no proceso electoral estadounidense co obxectivo expreso de axudar ao candidato republicano.

"Se te les esa información, hai unha gran confusión, ninguén sabe realmente (o que pasou). Podería ser Rusia, podería ser China, podería ser alguén sentado nunha cama nalgún lugar", indicou Trump.

O presidente electo contradi desta forma á comunidade de intelixencia que liderará a partir da súa chegada ao poder en xaneiro, dado que esas axencias, entre elas a CIA e a FBI, concluíron o pasado outubro que foi Rusia quen lanzou os ciberataques contra o Partido Demócrata.

Preguntado respecto diso, Trump dixo que cando el chegue ao poder haberá xente diferente" á fronte desas axencias de intelixencia e asegurou que ten "un gran respecto" polos que xa traballan alí.

Sobre a decisión do presidente de EEUU, Barack Obama, de ordenar unha revisión exhaustiva sobre os ciberataques contra o proceso electoral estadounidense, Trump dixo que é "unha boa idea", pero que "non só debería centrarse en Rusia, senón tamén noutros países e en individuos".

Comentarios