O presidente de EE UU, Donald Trump, aprobou este xoves un ataque selectivo contra Irán en resposta á derriba dun dron estadounidense por parte de Teherán, pero o mandatario suspendeu a orde antes de que o Pentágono a executase, informou The New York Times.
Trump aprobara ataques contra varios obxectivos iranianos, como radares ou baterías de mísiles., indicaron funcionarios citados polo rotativo.
A operación, prevista para antes das 19.00 hora local do xoves (02.00 do venres GMT), xa estaba en marcha: os avións estaban xa no aire e os buques en posición, cando a operación quedou suspendida antes de que se disparase mísil algún, indicaron os funcionarios.
As fontes dixeron descoñecer os motivos da suspensión, se se debeu a un cambio de opinión de Trump ou a razóns loxísticas, e tampouco puideron indicar se os ataques quedaron cancelados ou pospostos.
Trump xa autorizara dous ataques parecidos en 2017 e 2018 contra obxectivos militares do Goberno de Bachar al Asad en Siria.
A primeiras horas deste xoves, Irán abateu un dron da Armada de EE UU cando, asegura Teherán, entrou no seu espazo aéreo para tarefas de vixilancia, pero, segundo o Pentágono, o aparello atopábase en misión de recoñecemento sobre augas internacionais.
A derriba elevou máis se cabe as tensións entre EE UU e Irán, unha relación que se deteriorou desde que Trump decidiu retirar ao seu país do acordo nuclear con Irán e as potencias europeas.
Unha decisión que acompañou da continuación das sancións contra a República Islámica levantadas baixo o pacto e que reforzou en maio co fin das exencións a outros países para a compra de cru iraniano.
Tras coñecer a derriba do dron, Trump recorreu á súa conta de Twitter para publicar unha mensaxe en ton ameazante: "¡Irán cometeu un gran erro!".
Con todo, horas máis tarde, o mandatario restou importancia ao suceso e sinalou que posiblemente se tratara dun accidente.
"Paréceme difícil crer que fose intencionado. Creo que foi alguén imprudente e estúpido o que o fixo", afirmou Trump a xornalistas durante un encontro co primeiro ministro canadense, Justin Trudeau.