Trump non asistirá ao funeral de McCain

A pesar de ser ambos os republicanos, a animadversión existente entre o presidente de EE UU e o senador era por todos coñecida

John McCain. AEP
photo_camera John McCain. AEP

O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, non asistirá ás pompas fúnebres en honra ao senador John McCain, falecido hai dous días tras loitar contra un cancro cerebral, informou a Casa Branca nun comunicado.

A nota precisou que, aínda que Trump non asistirá ás exequias, pediu a tres altos funcionarios que o representen: o secretario de Defensa, James Mattis, o xefe de Gabinete, John Kelly, e o seu asesor de seguridade nacional, John Bolton.

O portavoz da familia de McCain, Rick Davis, citado polo diario The Washington Post, avanzara anteriormente que o mandatario non tiña intención de acudir: "O presidente, polo que sabemos, non asistirá ao funeral. É un feito", declarou Davis.

No lugar do actual xefe de Estado, apuntou o propio Davis, serán os expresidentes Barack Obama (2009-2017) e George W. Bush (2001-2009) quen tomen a palabra nas exequias, que se celebrarán o vindeiro sábado na catedral de Washington.

Un día despois, o veterano da Guerra de Vietnam recibirá sepultura na base naval de Annapolis, en Maryland.

A pesar de ser ambos os republicanos, a animadversión existente entre Trump e McCain era por todos coñecida, polo que non estrañou que hai xa un tempo, logo de dar a coñecer a gravidade da súa enfermidade, o propio senador dixese que non quería que o presidente falase no seu funeral.

Ademais das exequias, está previsto que a clase política de Washington presente os seus respectos a este senador, de 81 anos, que pasou máis de tres décadas vinculado á Cámara alta coa instalación dunha capela ardente no Capitolio, unha honra reservada a unha trintena de persoas ao longo da historia do país.