O número de falecidos polo terremoto de Indonesia ascende a 162

As autoridades locais continúan coa procura de sobreviventes
Una casa, destrozada tras el terremoto de Indonesia. EFE
photo_camera Una casa, destrozada tras el terremoto de Indonesia. EFE

A cifra de falecidos polo terremoto de magnitude 5,6 que sacudiu Indonesia este luns ascende a 162, segundo os datos facilitados polas autoridades locais da provincia de Xava Occidental, mentres continúa a procura de sobreviventes.

O gobernador da provincia, Ridwan Kamil, cifrou en 162 o número de falecidos, en 326 os feridos e nuns 13.000 os desprazados e sinalou que os datos lle foron facilitados pola Axencia Nacional para a Xestión de Desastres (BNPB, en indonesio).

A Axencia, que contabilizou máis de 2.000 casas danadas, mantén, sen embargado, que ata agora a cifra verificada e oficial de falecidos é de 62, confirmou un portavoz a Efe.

O sismo rexistrouse ás 13.21 horas do luns preto da localidade de Cianjur, na provincia de Xava Occidental, a máis poboada de Indonesia con case 50 millóns de habitantes.

Cianjur ten unha poboación dunhas 170.000 persoas e atópase a 75 quilómetros de Iacarta.

En vídeos divulgados polas autoridades locais é posible ver decenas de persoas, algunhas inconscientes, recibindo coidados médicos e sendo trasladadas en ambulancias cara a centros de saúde da rexión. 

Así mesmo, as imaxes mostran a varias propiedades e instalacións danadas, mentres que algunhas vivendas quedaron totalmente destruídas polo tremor, que chegou a ser sentido na capital, Iacarta.

O portavoz do goberno de Cianjur, Adam, indicou que a maioría das vítimas faleceron no hospital Sayang desa municipalidade, onde se sitúa o epicentro do sismo en Xava Occidental.

No medio do caos e o medo ante os corrementos de terra e vítimas atrapadas entre os cascallos, as autoridades esperan que o número de mortos aumenten conformen pasan as horas. 

Debido aos estragos causado polo terremoto, moitas vías e estradas da rexión están pechadas e algunhas estacións de distribución de enerxía foron afectadas, o que provocou cortes de electricidade en varias localidades.

Tras o sismo inicial, a Axencia de Meteoroloxía, Climatoloxía e Geofísica (BMKG) rexistrou 25 réplicas en tan só dúas horas.

Indonesia aséntase sobre o chamado Anel de Lume do Pacífico, unha zona de gran actividade sísmica e volcánica na que cada ano se rexistran uns 7.000 terremotos, a maioría deles moderados. 

Unha das catástrofes máis mortíferas no país tivo lugar en 2004, cando un forte terremoto no norte da illa indonesia Sumatra xerou un tsunami que causou máis de 226.000 mortos nunha ducia de nacións bañadas polo Océano Índico.