Seúl e EEUU inician as manobras e Pyongyang desprega a súa artillería

Un mal cálculo, un mísil mal dirixido ou un disparo desviado nas mostras de poder que realizan as dúas Coreas en plena escalada de tensión podería facer saltar a faísca do conflito. É unha posibilidade, pero as manobras conxuntas de Corea do Sur e Estados Unidos no Mar Amarelo iniciáronse este domingo e Pyonyang xa agarda en posición de combate ante calquera eventualidade.

Os exercicios realízanse a uns 100 quilómetros ao sur da illa de Yeonpyeong, onde o martes faleceron catro mortos por mor dun ataque do réxime de Kim Jong-il. Neles participa o portaavións de propulsión nuclear 'George Washington', con 6.000 militares e 75 avións de combate a bordo. Tamén operan unha decena de navíos de guerra como destrutores, fragatas e avións antisubmarinos nesta mostra de poderío con previsión para catro días. Estados Unidos dixo que as manobras estaban xa preparadas con anterioridade, pero o certo é que foron anunciadas o mércores, un día despois do ataque norcoreano.

Pyongyan, en posición de combate
Enfronte, e segundo ás escasas informacións que chegan da hermética Corea do Norte, moitas veces ofrecidas polos seus propios inimigos, co que a parcialidad queda en dúbida, Pyongyang tería iniciado disparos de artillería que se escoitan desde Yeonpyeong, motivo polo que os seus habitantes tiveron que gorecerse nos bunkers.

Ademais, unha fonte do Goberno de Seúl consultada pola axencia Yonhap indicou que o réxime comunista despregou mísiles terra-aire, do modelo soviético SA-2, cun alcance de entre 13 e 30 quilómetros, e mantén as súas posicións de artillería en posición de combate. As mesmas fontes indicaron que Corea do Norte despregou tamén mísiles terra-terra cun alcance de 95 quilómetros coincidindo co inicio das manobras.

Respecto das manobras nas inmediacións da fronteira marítima que Pyongyang non recoñece, Corea do Norte indicou este domingo a través da axencia estatal KCNA que responderá "cunha brutal onda calquera provocación que viole as súas augas territoriais", mentres que o diario oficial Rodong Sinmun afirmou que o ataque a Yeonpyeong foi "un lexítimo exercicio de auto defensa".

China contra Seúl e EEUU

Nos seus labores de mediación, China, principal aliado do réxime de Kim Jong-il, volveu insistir na continuación das conversacións a seis bandas, nas que participan as dúas Coreas, China, EEUU, Xapón e Rusia, como vía de distensión. No entanto, a Casa Presidencial surcoreana deixou claro que non é o momento adecuado para volver a ese diálogo.

Pequín non ve con bos ollos as manobras entre EEUU e Corea do Sur no Mar Amarelo e advertiu de que non aceptará unha violación da súa zona económica exclusiva nesas augas, onde os navíos de guerra estadounidenses e surcoreanos practicarán ata o mércores con uso de lume real máis intensamente ao inicialmente previsto.

Comentarios