O Senado de EE UU absolve a Trump do cargo de abuso de poder no 'impeachment'

O republicano Mitt Romney convértese no primeiro senador da historia en votar a favor de condenar un presidente do seu partido, aínda que a súa posición non abondou para cambiar o resultado esperado
photo_camera O Senado de EE UU, na votación. EFE

O Senado de Estados Unidos, de maioría de republicana, absolveu este mércores o presidente do país, Donald Trump, do cargo de abuso de poder por presións a Ucraína e obstrución ao Congreso na votación final do xuízo político. Confirmouse así o esperado.

Os senadores, que fixeron de xurado no proceso, votaron primeiro sobre o cargo de abuso de poder: 52 atopárono "non culpable", fronte a 48 que o declararon "culpable". Tan só un republicano votou "culpable", o senador Mitt Romney, que se converteu así no primeiro lexislador na historia de EE UU en apoiar a destitución dun presidente do seu mesmo partido nun xuízo político.

Sobre a segunda das acusacións, a de obstrución ao Congreso, 53 lexisladores —todos republicanos— resolveron que Trump é "non culpable" fronte a 47 —todos demócratas— que o viron "culpable". Para que o proceso de destitución do presidente saíse adiante era necesario o apoio de dous terzos da cámara a algún dos dous cargos políticos.

Antes da votación, o líder da minoría demócrata na Cámara baixa, Chuck Schumer, fixo un chamamento aos senadores para que votasen a favor de destituír a Trump. "O Senado debería condenar o presidente Trump, expulsalo da presidencia e descualificalo para manter o cargo no futuro", dixo. O demócrata tamén criticou que "este é o primeiro xuízo político na historia (do país) que non escoitou a ningunha testemuña". "Se as noticias que non lle gustan son falsas, se mentir nas eleccións é aceptable, se todo o mundo é tan malvado como a maior maldade entre nós, entón a esperanza no futuro está perdida", dixo.

Schumer: "Se as noticias que non lle gustan son falsas, se mentir nas eleccións é aceptable, entón a esperanza no futuro está perdida"

Pola súa banda, o líder da maioría republicana no Senado, Mitch McConnell, tachou este caso de "incoherente" e acusou os demócratas de querer "romper" as regras e escribir outras novas só porque perderon as eleccións presidenciais de 2016. "A resposta de perder unhas eleccións non pode ser atacar a oficina do presidente", dixo. "Se cadra ela rasgará o veredicto como rasgou o discurso do Estado da Unión", agregou McConnell, en referencia ao xesto da demócrata Nancy Pelosi, presidenta da Cámara de Representantes, que rompeu o martes a copia que tiña do discurso de Trump despois de que o presidente terminase a súa alocución ante o Congreso.

En setembro, Pelosi anunciou unha investigación de impeachment contra Trump tras unha queixa dun informante aos servizos de Intelixencia sobre unha chamada en xullo co seu homólogo de Ucraína, Volodímir Zelenski, para que investigase un dos seus rivais político, o exvicepresidente Joe Biden, e o seu fillo Hunter. Segundo a oposición demócrata, Trump condicionou a entrega de case 400 millóns de dólares en axuda a Ucraína e tamén a programación dunha reunión con Zelenski na Casa Branca á súa esixencia de que Kiev anunciase que planeaba investigar a Biden, actual precandidato do seu partido ás eleccións presidenciais deste ano. 

Tras meses de investigacións na Cámara baixa, finalmente abriuse o xuízo político no Senado o pasado 16 de xaneiro. 

Realizada xa a votación, a reacción de Trump non se fixo esperar, e chegou a través das redes sociais. Na súa conta de Twitter, avanzou que este xoves realizará unha declaración pública. Publicou tamén unha montaxe que fai referencia á campaña electoral... En realidade, a unhas cantas, "para"sempre .

Comentarios