O saúdo nazi de Isabel II cando era pequena crea polémica en Reino Unido

'The Sun' publicou este sábado na súa portada unha foto tomada dunha filmación de 1933, na que o seu tío Eduardo VIII lle ensinaba o xesto cando contaba con tan só 7 anos
Isabel II hace el saludo nazi en una imagen publicada por el diario 'The Sun'
photo_camera Isabel II hace el saludo nazi en una imagen publicada por el diario 'The Sun'

A publicación este sábado dunhas imaxes da raíña Isabel II cando era nena facendo o saúdo nazi, animada polo seu tío Eduardo VIII, cualificada polo palacio de Buckingham de "enganosa" e decepcionante", xerou polémica no Reino Unido.

O tabloide The Sun saca este sábado na súa portada unha foto tomada dunha filmación de 1933 na que aparece Isabel II, entón con 7 anos, xunto á súa nai, Isabel; a súa irmá, a princesa Margarita, e o seu tío, entón príncipe de Gales e máis tarde rei Eduardo VIII.

"Filmación secreta de 1933 mostra a Eduardo VIII ensinándolle o saúdo nazi á Raíña", é o titular do xornal, que dedica varias páxinas á filmación, de apenas 17 segundos.

Ao parecer, a cinta foi tomada no castelo de Balmoral, en Escocia, onde a entón princesa Isabel pasaba as súas vacacións, aínda que se descoñece como puido caer en mans da prensa.

A publicación non foi ben recibida polo palacio de Buckingham, residencia da familia real británica, que considerou "decepcionante que un filme, gravado hai oito décadas e aparentemente do arquivo persoal da familia da súa Maxestade, fose obtido e explotado deste xeito".

Nas imaxes vense as pequenas princesas moi riseiras mentres xogan, bailan e imitan o saúdo nazi.

"Moita xente verá estas imaxes no momento e contexto apropiados. Esta é unha familia xogando e nun momento facendo referencia a un xesto que moitos verían nas noticias", engadiu o portavoz do palacio.

"Ninguén nese momento tiña idea de como evolucionaría (o nazismo). Implicar calquera outra cousa é enganoso e deshonesto", resaltou o portavoz, que agregou que o servizo da Raíña e a súa dedicación a favor do benestar do país durante a II Guerra Mundial e os 63 anos nos que construíu "relacións entre países e pobos falan por si sos".

Con todo, o director xerente de The Sun, Stig Abell, asegurou que obtivo a cinta de xeito "lexítimo" e que non se trata de criticar a raíña ou a raíña nai.

"É un documento histórico que realmente arroxa luz sobre o comportamento de Eduardo VIII", dixo Abell á BBC.

Este monarca ascendeu ao trono en xaneiro de 1936 e abdicou en decembro dese ano para casar coa divorciada estadounidense Wallis Simpson, coa que viviu despois en París, co título de duque de Windsor.

Ao ser preguntado pola reacción do palacio, o director xerente admitiu que entendía o descontento, pero insistiu en que o labor dos xornalistas é sacar á luz cosas que pasaron.

Un exsecretario de prensa do palacio de Buckingham, Dickie Arbiter, sinalou este sábado que a familia real investigará este caso.

"Eles preguntaranse se é algo que estaba nos Arquivos Reais de Windsor (castelo nos arredores de Londres) ou se estaban entre as pertenzas do duque de Windsor", engadiu.

"E se era do patrimonio do duque de Windsor, entón está claro que alguén o sacou de alí e aquí está, 82 anos despois", dixo o antigo secretario de prensa.

O Reino Unido sente gran admiración polo pai de Isabel II, o rei Jorge VI, porque durante a II Guerra Mundial decidiu non marchar de Londres durante os bombardeos nazis e optou por quedar na capital coa súa familia.

Pero a figura de Eduardo VIII —irmán maior de Jorge VI— é moi polémica pola súa aparente simpatía por Adolf Hitler, co que incluso tivo un encontro en Múnic en 1937, dous anos antes de que estalase o conflito bélico.

Durante a súa visita a Alemaña, Eduardo VIII, reuniuse tamén co "número dous" do réxime nazi, Rudolf Hess.

Tras deixar o Reino Unido ao ascender o seu irmán ao trono, Eduardo VIII exiliouse en Francia, onde morreu en 1972.

Isabel II tiña 13 anos cando estalou a guerra e participou no Servizo Territorial Auxiliar de Mulleres. Ao converterse en princesa herdeira —polo inesperado ascenso ao trono do seu pai—, comprometeuse nun discurso a servir ao país toda a súa vida.

Comentarios