Rusia ofrece cesar os bombardeos en Alepo durante 11 horas diarias por catro días

A decisión chega despois de que Merkel e Hollande advertisen a Putin de que os bombardeos sobre a cidade siria son un crime de guerra
Fotografía de satélite de la destrucción en Alepo
photo_camera Fotografía de satélite de la destrucción en Alepo

Rusia informou a Nacións Unidas de que deixará de bombardear o leste de Alepo durante 11 horas ao día por catro días, pero isto non é suficiente para chegar a un acordo máis amplo que permita que os rebeldes abandonen esta cidade asediada do norte de Siria, sostivo este xoves o enviado da Onu para o país, Staffan de Mistura.

O responsable da Onu deu a benvida a estas pausas diarias para permitir a evacuación médica de feridos e enfermos pero subliñou que o paquete de cesamento do fogo tamén require que os milicianos da Fronte Fatá al Sham, antiga filial de Al Qaeda no país, accedan a abandonar a cidade e que o Goberno sirio garanta que a administración local seguirá ao cargo.

Pola súa banda, o asesor humanitario da Onu, Jan Egeland, dixo que confía que os primeiros "varios centos" de enfermos e feridos poidan abandonar a cidade o venres ben cara ao oeste de Alepo, baixo control do Goberno, ou cara a Idlib, baixo control rebelde, segundo elixan.

Egeland dixo que Nacións Unidas quere que as pausas duren ata o luns e que aínda non hai un acordo para conseguir facer chegar alimentos á zona asediada, pero a Onu está a traballar contrarreloxo para conseguir os permisos necesarios por parte do Goberno sirio.

A chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente francés, François Hollande, esixiran ao presidente ruso, Vladimir Putin, parar os bombardeos sobre a cidade siria de Alepo, que tacharon de crimes de guerra, pero non lograran arrincar ningún compromiso firme ao principal aliado de Damasco ata agora.

"Tivemos unha conversación moi clara e dura co presidente Putin", afirmou de madrugada a líder alemá tras unha hora e media longa de reunión entre os tres líderes centrada na guerra en Siria e nuns bombardeos que a chanceler cualificou de "inhumanos".

Comentarios