Raúl Castro insiste: Cuba non renunciará ao socialismo

O presidente de Cuba, Raúl Castro, advertiu hoxe de que a "loita" para acabar co bloqueo de Estados Unidos contra a illa "será longa e difícil" e precisará que continúen as reclamacións internacionais e da sociedade estadounidense en favor do fin desa situación.

Nun discurso ante a Asemblea cubana, Raúl Castro destacou que coa decisión de restablecer as relacións con Estados Unidos deuse un "paso importante", pero "queda por resolver o esencial", que é o fin desa política.

Expresou o seu desexo de que o presidente estadounidense, Barack Obama, "utilice con determinación prerrogativas executivas para modificar substancialmente o bloqueo naqueles aspectos que non requiran a aprobación do Congreso".

A política de embargo económico a Cuba está vixente desde 1962 e foi elevada a rango de lei en 1996, coa norma coñecida como Lei Helms-Burton, polo que a súa derrogación definitiva esixe a ratificación do Congreso.

"Todos os datos indican que unha ampla maioría de cidadáns norteamericanos quere a normalización dos lazos bilaterais con Cuba", afirmou Raúl Castro.

Dixo que é consciente das "virulentas críticas" que tivo que soportar Obama pola súa nova política cara a Cuba por parte de forzas "que se opoñen á normalización de relacións".

"Tras décadas de confrontación, farán todo o posible por sabotear este proceso sen descartar accións provocativas. Pola nosa banda animarase unha conduta prudente, moderada e reflexiva, pero firme", asegurou.

Castro reiterou que Cuba non renunciará ao seu sistema político socialista, a pesar do acordo de restablecer relacións diplomáticas con Estados Unidos, aínda que está disposto a discutir sobre todos os temas en "igualdade" e "reciprocidad".

"Da mesma forma que nunca nos propuxemos que os Estados Unidos cambien o seu sistema político, esixiremos respecto ao noso", recalcou.

Castro sinalou que é "necesario comprender" que Cuba é un Estado soberano, cuxo pobo decidiu "en libre referendo" aprobar na súa Constitución o seu "rumbo socialista".

"Non debe pretenderse que, para mellorar as relacións con Estados Unidos, Cuba renuncie ás ideas polas que loitou durante mais dun século, polas que o seu pobo derramou moito sangue e correu moitos riscos", sinalou.

Comentarios