Polo menos cinco mortos nun atentado kurdo contra unha comisaría en Turquía

O ataque, efectuado cun coche bomba na cidade de Cinar, causou ademais 39 feridos

Cinco persoas morreron e 39 resultaron feridas nun atentado con coche bomba contra unha comisaría de Policía no sueste de Turquía, cuxas autoridades atribuíron ao grupo armado Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK).

Dúas persoas morreron na explosión do coche bomba na cidade de Cinar e outras tres faleceron ao derrubarse un edificio próximo, segundo a Gobernación da provincia suroriental de Diyarbakir, onde se atopa a localidade na que se produciu o atentado.

A fonte indicou que todos os falecidos eran civís, entre eles dous familiares de axentes, que morreron no derrube do edificio próximo, e tamén hai seis policías entre os feridos.

As imaxes difundidas polos medios mostran enormes danos nun edificio residencial destinado ás familias dos policías que traballan na comisaría.

Tras a explosión do coche bomba, algúns membros do PKK lanzaron un ataque con lanzacohetes e fusís de longo alcance, o que provocou un tiroteo cos axentes que se prolongou durante uns 40 minutos, sinalou a fonte.

Tras o tiroteo os membros do PKK escaparon e o Exército e a Policía lanzaron unha ampla operación de captura.

Desde a fin do cesamento do fogo o pasado verán entre o PKK e as forzas de seguridade, ao fracasar as conversacións de paz, centos de persoas morreron en atentados e enfrontamentos.

Ademais de atentados e emboscadas do PKK en zonas rurais contra as forzas de seguridade, producíronse duros enfrontamentos en varias cidades turcas nas que o Exército impuxo o toque de queda.

As forzas de seguridade turcas lanzaron unha gran ofensiva a mediados de decembro para desaloxar os guerrilleiros das cidades de Silopi e Cizre, así como do centro histórico de Diyarbakir, a principal cidade kurda de Turquía.

Comentarios