A Policía canadense mata un sospeitoso armado preto dunha escola en Toronto

Varias persoas denunciaron a presenza dun home cun rifle
Policía en Toronto. ARCHIVO
photo_camera Policía en Toronto. ARQUIVO

Un individuo armado cun rifle foi abatido pola Policía canadense preto dunha escola primaria de Toronto, dous días despois de que un adolescente matase 19 nenos e dúas profesoras nun colexio de Texas (EE UU).

A Policía revelou nunha rolda de prensa que ao redor das 13.00 hora local (17.00 GMT) deste xoves varias persoas denunciaron a presenza dun individuo armado cun rifle nas inmediacións dun colexio no oeste de Toronto. Pouco despois, un axente disparou contra o individuo, causándolle a morte. A Policía non identificou o falecido e só dixo que era un home novo que portaba unha gorra branca e un chaquetón.

O xefe de Policía de Toronto, James Ramer, cualificou o incidente como traumático para os estudantes, profesores e pais, especialmente tras os tiroteos nas localidades estadounidense de Búfalo e Uvalde nos últimos días.

A presenza do individuo armado obrigou a varias escolas do oeste de Toronto a poñer en marcha protocolos de urxencia e reter os estudantes no interior dos edificios ata que a Policía se asegurou de que non había perigo. As autoridades cren que o incidente é un caso illado, pero a Policía levará a cabo patrullas na área para tranquilizar os veciños.