Oscar Pistorius declárase ''non culpable'' do asasinato da súa noiva

O atleta paralímpico surafricano Oscar Pistorius declarouse hoxe "non culpable" do cargo de asasinato premeditado da súa moza, a modelo Reeva Steenkamp, no primeiro día do xuízo que se celebra no Tribunal Superior de Pretoria.

"Non culpable", respondeu contundentemente o corredor ao ser preguntado, despois de que o fiscal, Gerrie Nel, o acusase formalmente de asasinato "premeditado".

Pistorius matou a tiros a Steenkamp a través da porta pechada do baño da súa casa en Pretoria o 14 de febreiro do ano pasado, e podería ser condenado a cadea perpetua se é achado culpable.

No tribunal, un dos avogados do deportista, Kenny Oldwage, leu a versión dos feitos achegada polo acusado, que sostén que confundiu a súa parella cun intruso. "Reeva debeu ir ao aseo. Pechou a porta corredoira. Achegueime ao baño para defender a Reeva e a min mesmo", leu o avogado. "Non existe ningún tipo de fundamento para a alegación da Fiscalía de que el quería matar a Steenkamp", agregou o letrado, que negou que a parella mantivese unha discusión a noite do fatal tiroteo, como mantén o Ministerio Fiscal.

Ao chegar ao tribunal vestido con traxe escuro e camisa branca, o deportista saudou con xesto circunspecto varios policías, e falou en repetidas ocasións cos seus avogados.

Decenas de xornalistas enchen a sala do Tribunal Superior de Pretoria, onde o xuíz Thokozile Masipa debe establecer se Pistorius matou de forma intencionada ou non á modelo, que entón tiña 29 anos.

Acompañada doutros membros da familia, a nai da falecida, June Steenkamp, está presente na sala.

Tamén o están o tío do acusado, Arnold Pistorius, e os seus irmáns, que se sentaron na mesma fila que os Steenkamp e non se saudaron coa familia da vítima.

Pistorius, de 27 anos e en liberdade baixo fianza desde o 22 de febreiro de 2013, contratou para o proceso un prestixioso equipo de avogados, investigadores forenses e relacións públicas.

Acusación e defensa aceptan que Pistorius matou a tiros a Steenkamp a través da porta pechada do baño da súa casa en Pretoria. Con todo, o fiscal acusa o corredor de asasinar a modelo, que entón tiña 29 anos, de forma premeditada.

Comentarios