A OMS avisa de que nas próximas semanas poden colapsar hospitais e Ucis en Europa

A organización avisa de que os próximos meses serán "duros" e urxe os países a actuar de xeito "inmediato". A pandemia deixa unha nova marca mundial de contaxios nun día: 445.000

Dos sanitarios atienden a un paciente con coronavirus en un hospital. EFE
photo_camera Dous sanitarios atenden un paciente con coronavirus nun hospital madrileño. EFE

A doutora responsable de enfermidades emerxentes e zoonosis da Organización Mundial da Saúde (OMS), Maria Van Kerkhove, avisou de que os hospitais e unidades de coidados intensivos de moitos países de Europa poden colapsar nas próximas semanas como consecuencia do incremento de casos de covid-19. 

Nunha rolda de prensa, Van Kerkhove reiterou que a situación da pandemia en Europa é "moi preocupante" e non só polo aumento de contaxios, senón porque se están incrementando o número de ingresos hospitalarios e en Uci, sen que chegue aínda o inverno e a tempada de incidencia da gripe. 

"A principal preocupación é a cantidade de persoas que están a necesitar hospitalización por covid-19 en Europa. Necesitamos que todos os países europeos fagan unha avaliación honesta da situación que teñen actualmente", apuntou a doutora, para instar tamén aos europeos a realizar "sacrificios" para axudar aos demais. 

Así, recordou a importancia de lavar as mans, utilizar máscara, garantir a distancia persoal e quedar en casa se así o teñen que facer. No entanto, a doutora subliñou a importancia de que os gobernos axuden as súas poboacións a poder cumprir coas medidas impostas. "Necesitamos unha unidade colectiva, estar xuntos e ver que podemos facer e como podemos controlar a situación a nivel individual", subliñou. 

"Isto non é un simulacro", advirte o director xeral da OMS

Na mesma liña, o director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, advertiu de que a pandemia está nun momento crítico especialmente no hemisferio norte, co forte aumento de casos en zonas como Europa, e de que os próximos meses "van ser moi duros".

"A tendencia en moitos países está a ser perigosa, con hospitais e unidades de coidados intensivos chegando xa aos seus límites de capacidade ou excedéndoos, e iso que só estamos en outubro", advertiu o experto na súa última rolda de prensa da semana.

Ante esa conxuntura, pediu aos líderes políticos que "tomen accións inmediatas para evitar mortes innecesarias, e para que non haxa que limitar os movementos e as escolas poidan seguir abertas". "Como dixen en febreiro, isto non é un simulacro", alertou o máximo responsable da OMS, para recomendar que os gobernos teñan moi en conta os datos da pandemia nos seus países á hora de tomar decisións.
 

Nova marca de contaxios no mundo nun día
O mundo rexistrou este venres unha nova marca de casos diarios, 445.000, polo que o total global ascende a 41,5 millóns, cun forte aumento dos contaxios en Europa. De feito, o vello continente superou o sur de Asia e colocouse como a segunda rexión máis afectada, segundo informou a Organización Mundial da Saúde.

Europa pasou este venres os 213.000 novos casos diarios confirmados, unha cifra que nin sequera en América, a rexión máis golpeada pola pandemia —acumula 19,1 millóns de casos—, se rexistrara ata agora. Así as cousas, os contaxios no continente ascenden a 8,8 millóns. 

A curva de contaxios en Europa ascende de forma vertixinosa e os casos confirmados actualmente xa son sete veces máis que no pico da primeira onda en marzo e abril, aínda que agora se realizan máis test e é posible que moitos contaxios na primavera non fosen detectados. Ademais, Europa roza xa as 2.000 mortes diarias.

Por países
EE UU acumula 8,2 millóns de casos, India 7,7 millóns, Brasil 5,2 millóns e Rusia 1,4 millóns. Séguenos en casos absolutos Arxentina e España, que esta semana superaron o millón de contaxios cada unha.

Comentarios