Obama despídese de Cuba cun chamamento á reconciliación e á apertura

O presidente estadounidense puxo fin a unha visita histórica na que debateu con Castro sobre o embargo económico á illa, os dereitos humanos e a democracia

O presidente de Estados Unidos, Barack Obama, finalizou este martes unha visita histórica a Cuba, que consolidou a nova era de relacións coa illa e onde deixou mensaxes e xestos a favor da reconciliación, a apertura democrática e o respecto aos dereitos humanos.

O primeiro presidente de EE UU en activo que visitou a Cuba castrista cumpriu co seu propósito de certificar o desxeo deixando atrás "os últimos vestixios da Guerra Fría nas Américas" e tendendo "unha man de amizade".

"Creo no pobo cubano", proclamou en español Obama nun vibrante discurso co que se dirixiu directamente aos habitantes da illa e que pronunciou en presenza do presidente de Raúl Castro nun abarrotado Gran Teatro da Habana, no que foi un dos pratos fortes da súa visita.

Alí Obama subliñou, tamén español, que "o futuro de Cuba está en mans do pobo cubano", reiterou o seu recoñecemento de que a política de illamento que practicou o seu país durante máis de cinco décadas foi errada, e apostou polo futuro da illa encarnado nas xeracións máis novas. 

Nese porvir de Cuba, o presidente estadounidense sinalou ao Goberno da illa que "non debe temer as voces diferentes do pobo cubano" ou á súa posibilidade de "reunirse, falar ou votar". "Vostede non debe temer unha nova ameaza de EE UU e, polo seu compromiso coa soberanía e a autodeterminación, tampouco debe temer as voces diferentes do pobo cubano", díxolle directamente a Raúl Castro.

A esas "voces diferentes" dedicou Obama unha parte importante da súa visita, ao reunirse este martes na Embaixada de EE UU con destacados disidentes e activistas críticos e independentes, dos que eloxiou a súa "coraxe extraordinaria". Prometeulles que seguirá denunciando "decididamente" as violacións de dereitos en Cuba, pero tamén advertiu a quen critican a nova política de Estados Unidos que continuar co illamento dificultará calquera cambio na illa.

DIFERENZAS. O tema dos dereitos humanos estivo moi presente durante a visita de Obama, incluída a conferencia de prensa conxunta do luns con Raúl Castro, quen rexeitou a existencia de presos políticos na illa ao desafiar a un xornalista estadounidense a presentarlle a listaxe dese tipo de prisioneiros para soltalos.

Tampouco faltaron referencias reiteradas ao embargo contra a illa ou "bloqueo" como se lle chama en Cuba: Raúl Castro volveu esixir o fin desa política, aínda que valorou os repetidos chamados do presidente de EEUU ao Congreso para porlle fin. Obama mostrouse pola súa banda convencido de que o embargo terminará aínda que non aventurou cando.

Nas súas intensas 48 horas na illa, o presidente estadounidense non esqueceu ao emerxente sector privado que xurdiu coas reformas económicas emprendidas polo Goberno cubano: os "cuentapropistas" aos que Obama prometeu axudar e cos que conversou nun foro de negocios entre Cuba e Estados Unidos.

A viaxe de Obama deixou imaxes para a historia, como a dun presidente de Estados Unidos na Praza da Revolución da Habana, rendendo homenaxe ao heroe nacional José Martí e fotografado coa efixie do Che Guevara ás súas costas.

No que foi escenario das arengas antiimperialistas de Fidel Castro, o luns soou o himno nacional do antigo inimigo e ondeou a bandeira das barras e estrelas.

PALACIO DA REVOLUCIÓN. Non menos impactante para moitos cubanos foi ver a Obama ese día subir a escalinata do Palacio da Revolución, a sede do Goberno socialista, para reunirse con Raúl Castro, a terceiro cara a cara dos dous presidentes desde que se anunciou o desxeo, pero o primeiro en chan cubano.

E seguramente o que moitos cubanos non van esquecer é a imaxe do presidente de Estados Unidos xunto a un riseiro Raúl Castro no emblemático e recentemente remodelado estadio "Latino" gozando dun simbólico partido de béisbol entre a selección local e os Tampa Bay Rays, unhas poucas horas antes de partir de Cuba cara a Arxentina.

Ademais de histórica, a visita de Obama á illa foi tamén familiar: estivo acompañado da súa esposa Michelle, as súas fillas Malia e Sasha e a súa sogra Marian Robinson, coas que puido pasear o domingo, o día da súa chegada, pola Habana Vella, aínda que debaixo dun forte chuvieiro que os obrigou a usar paraugas.

A Primeira Dama norteamericana tivo unha discreta axenda en Cuba, onde este martes dedicou ao pobo cubano dúas árbores de magnolias, a flor que adorna os xardíns da Casa Branca, e un banco de madeira como recordo do momento histórico que viven ambos os países. Michelle Obama asegurou que sentiu en Cuba a "esperanza de futuro" que encarnan a infancia e mocidade da illa, nun acto onde agradeceu a "cálida e xenerosa hospitalidade" recibida durante a visita ao país.

Tras anunciar o seu desxeo o 17 de decembro de 2014, Cuba e Estados Unidos camiñan cara á normalización plena das súas relacións logo de restablecer os seus vínculos diplomáticos e reaberto as súas embaixadas o 20 de xullo de 2015

Comentarios