Dúas nenas e cinco adultos morren nun naufraxio fronte á illa de Lesbos

Máis de 540 persoas perderon a vida só no que vai deste ano intentando cruzar o Mediterráneo

Varios refugiados desembarcan de una embarcación de la Guarda Costera Helénica este martes en Mitilene. EFE
photo_camera Varios refuxiados baixan dunha embarcación da Garda Costeira Helénica este martes en Mitilene. EFE

Sete persoas, entre elas dúas nenas, morreron este martes cando o bote no que intentaban chegar desde as costas turcas á illa grega de Lesbos, no Exeo Oriental, naufragou, segundo informou a Garda Costeira helena. As autoridades rescataron e trasladaron a terra firme 57 persoas e atoparon a sete falecidas: catro mulleres, un home e dúas nenas.

A embarcación afundiuse sobre as sete da mañá hora local a unhas dúas millas e media da principal poboación da illa, Mitilene. Na operación de procura e rescate que concluíu tras o achado da sétima vítima foron mobilizadas varias embarcacións da Garda Costeira, Frontex, autoridades portuarias e un helicóptero Super Puma.

Os sobreviventes, dos cales aínda non transcendeu a súa nacionalidade, están a ser atendidos, rexistrados e interrogados para coñecer os detalles do naufraxio, xa que facía bo tempo á hora do suceso. Segundo a axencia de noticias pública AMNA, a embarcación saíu ao redor das 02.00 da madrugada da costa turca do distrito de Ayavlik e os rescatados son todos de orixe africana.

No que levamos de 2019 máis de 540 persoas morreron intentando cruzar o mar Mediterráneo, das cales 34 faleceron no Mediterráneo oriental, segundo datos da Organización Internacional para as Migracións (OIM). 

MALTA. Este mesmo martes un grupo de 97 migrantes, incluídos dous nenos e unha muller embarazada, foron trasladados a Malta logo de ser rescatados por unha patrulla naval das Forzas Armadas do país o luns pola noite no Mediterráneo. Foron entregados á Policía e trasladados ao centro de recepción de Marsa para ser rexistrados, de acordo co Times of Malta. Unha portavoz militar indicaou que se cre que son nixerianos, pero aínda non se confirmaron as nacionalidades.

É o segundo gran grupo de migrantes que chega a Malta en menos dunha semana. O pasado mércores, foron rescatados outros 370. A illa mediterránea é un dos destinos dos migrantes e refuxiados que tratan de chegar a Europa desde Libia. 

Comentarios