Morren seis soldados estadounidenses nun ataque en Afganistán

O atentado foi realizado, ao parecer, cunha motocicleta cargada con explosivos. Outros dous militares e un contratista de EE UU tamén resultaron feridos

Seis soldados estadounidenses morreron este luns nun ataque suicida contra as forzas da Otan despregadas en Afganistán, preto da base aérea de Bagram, nos arredores de Cabul, segundo confirmou o secretario de Defensa de EE UU, Ashton Carter.

O ataque ocorreu pouco despois do mediodía, hora de Afganistán, e foi realizado aparentemente cunha motocicleta cargada con explosivos. Nun comunicado, Carter apuntou, ademais, que "outros dous soldados e un contratista estadounidense tamén resultaron feridos".

Trátase dun dos peores ataques contra tropas estadounidenses en Afganistán no que vai de ano. "Os nosos pensamentos están coas familias dos valentes estadounidenses que faleceron no cumprimento do deber e aos que serven nesta época de festas pola seguridade e a paz no seu país", engadiu Carter.

A pesar de que as forzas internacionais da Otan lideradas por Estados Unidos non manteñen un papel de combate en Afganistán e declararon finalizadas as operacións ofensivas a finais do ano pasado, ao redor de 10.000 soldados estadounidenses seguen realizando labores de adestramento e vixilancia no país.

No caso da importante base aérea de Bagram, a uns 50 quilómetros ao norte de Cabul, os estadounidenses realizan patrullas conxuntas con forzas locais para previr ataques dos talibán, que se intensificaron. Así mesmo, o domingo rexistráronse explosións e ataques en Cabul preto da zona diplomática da capital.



Comentarios