Miles de persoas acompañan o féretro de Hugo Chávez

Miles de persoas acompañaron o traslado do féretro de Hugo Chávez, custodiado pola Garda de Honra, que comezou hoxe desde o Hospital Militar de Caracas -e se prolongou máis de dúas horas- ata a Academia Militar, onde terán lugar as honras fúnebres polo xefe do Estado e onde el gobernante permanecerá en capela ardente ata o funeral de Estado convocado para o venres.

Envolto na bandeira nacional, o féretro cos restos mortais do gobernante foi despedido do hospital por militares, seguidores e familiares, encabezados pola nai do presidente, Elena de Chávez, tras unha cerimonia relixiosa iniciada co himno de Venezuela.

O cortexo partiu entre acordes de Patria, patria, patria querida, túa é a miña alma, teu é o meu amor..., que entoou o xefe de Estado na alocución do pasado 8 de decembro, a última antes de partir a Cuba para someterse tres días despois a unha operación tras a recaída do cancro, e da canción En Venezuela.

Miles de persoas apiñábanse aos lados do vehículo que leva o cadaleito, coroado con flores amarelas e brancas e custodiado por integrantes da Garda Honra Presidencial e que emprenderá un percorrido de 6,3 quilómetros antes chegar á Academia Militar, no oeste da capital.

O Goberno venezolano decretou sete días de loito nacional e a suspensión de clases escolares ata o vindeiro venres pola morte de Chávez e anunciou para o vindeiro venres o funeral de Estado.

O chanceler venezolano, Elías Jaua, adiantaba onte que o corpo do presidente sería acompañado por ''todo o pobo'' no seu traslado, á vez que informaba de que se esperaba a presenza de preto de dez mandatarios ao funeral de Chávez en Caracas.

Á cidade xa chegaron os de Arxentina, Cristina Fernández; Bolivia, Evo Morales; e Uruguai, José Mujica. Moitos presidentes latinoamericanos xa adiantaban onte que viaxarían a Caracas para despedir a Chávez.

O chanceler Jaua informou igualemente de que o vicepresidente, Nicolás Maduro, asumirá temporalmente a Presidencia tras o falecemento do mandatario e convocará a eleccións nos próximos 30 días. "Agora produciuse unha falta absoluta, asume o vicepresidente da República como presidente e convócase a eleccións nos próximos 30 días, é o mandato que nos deu o comandante presidente Hugo Chávez o pasado 8 de decembro", declarou Jaua á canle interestatal Telesur.

Ese día, Chávez, quen viaxou dous días despois a Cuba para someterse á cuarta operación polo cancro, pediu que, no caso de que algo lle sucedese, se apoiase a Maduro como o seu sucesor. Jaua asegurou hoxe que Chávez pediulle "os bolivarianos, os revolucionarios, os venezolanos" que acompañasen "o compañeiro, o camarada Nicolás Maduro nesta tarefa". "E é o que imos facer", agregou.

Ao indicar que o Goberno decidiu declarar unha semana de loito nacional e suspender as clases durante tres días polo falecemento do líder socialista, Jaua tamén deu os detalles do seu velorio. Así, explicou que este mércores "en horas da mañá trasladaríanse os "restos mortais" do gobernante desde o Hospital Militar, onde ingresou procedente de Cuba hai quince días, ata a Academia Militar, no oeste de Caracas.

O ministro argumentou que se elixiu a academia para despedilo, porque é "o berce da revolución bolivariana" e "o sitio onde naceu o presidente Chávez", como o propio xefe de Estado manifestará. "Logo, comezarán as exequias e a homenaxe póstuma en capela ardente na Academia os días mércores, xoves e venres", informou Jaua ao asegurar que o Goberno vai traballar para que "o maior número de pobo poida ver o seu pai, ao seu Libertador, ao seu protector".

Namentres, o líder da oposición e gobernador do céntrico estado de Miranda, Henrique Capriles, ofreceu as súas condolencias á familia do presidente, á vez que pediu paz e respecto á Constitución nacional. "Fomos adversarios, nunca inimigos (...) comprendemos os sentimentos de dor da familia do presidente falecido, dos seus compañeiros e de moitos venezolanos de todas as rexións, a eles a nosa sentida condolencia", dixo Capriles ao ler a mensaxe rodeada por outros líderes opositores.

Sinalou que os integrantes da alianza opositora Mesa da Unidade Democrática (MUD) confían en que Venezuela será capaz de superar "calquera dificultade que se lle presente" sempre que os cidadáns sigan "guiados pola verdade e a Constitución".

Reiterou que ao Goberno correspóndelle agora "garantir a convivencia en liberdade e en paz" e apuntou que como venezolano espera "que actúe con estrito apego ao seu deber constitucional" e que as forzas armadas permanezan "como corresponde, á orde de todos".

Fronte ao Hospital Militar de Caracas e onde o presidente se atopaba ingresado desde hai quince días e noutras zonas da capital, miles de seguidores concentráronse para renderlle homenaxe con aclamacións, consignas ou cantando o himno nacional.

Venezuela inicia agora a conta atrás para a convocatoria dunhas eleccións anticipadas que, de acordo á Carta Magna, deben celebrarse en trinta días.

Comentarios