Polo menos catro mortos tras descarrilar un tren en Alemaña

O accidente, cuxas causas aínda se descoñecen, produciuse en Baviera, na zona sur do país
El tren descarrilado. EFE
photo_camera El tren descarrilado. EFE

Catro persoas perderon a vida este venres nun descarrilamento de tren cuxas causas aínda se descoñecen en Baviera, no sur de Alemaña, segundo informou a policía.

O accidente produciuse ao mediodía no distrito de Garmisch-Partenkirchen, nos Alpes alemáns, e deixou unha trintena de feridos, dos cales 15 están graves e tiveron que ser trasladados a hospitais circundantes, segundo informou a Dirección de Policía de Baviera Superior na súa conta de Twitter.

A ministra alemá do Interior, Nancy Faeser, atópase de camiño ao lugar do "terrible accidente", segundo anunciou un portavoz do Ministerio.

De acordo coa cadea rexional Bayerischer Rundfunk, o descarrilamento produciuse á altura da localidade de Burgrain e a consecuencia do accidente envorcaron varios vagóns.

Segundo este medio, os servizos de rescate tiveron que extraer polas fiestras a moitos dos pasaxeiros do tren, que circulaba en dirección a Múnic.

Seis helicópteros participaban á primeira hora da tarde nas tarefas de rescate, nas que interviñan ademais os bombeiros, as forzas armadas e a policía.

O tramo entre as localidades de Garmisch-Partenkirchen e Oberau atópase pechado ao tráfico ferroviario polo momento.