Melania Trump reclama máis de 140 millóns ao Daily Mail por dicir que foi moza de compañía

A primeira dama de EE UU alega que o artigo do tabloide fixo que a súa "marca" perdese valor. O diario británico retractouse pola información
Melania Trump
photo_camera Melania Trump

A primeira dama de Estados Unidos, Melania Trump, reclama 150 millóns de dólares (141 millóns de euros) ao tabloide británico The Daily Mail por publicar acusacións de que traballou como escort (moza de compañía), unha información da que o diario se retractou, segundo informou este martes a BBC.

A esposa do presidente estadounidense, Donald Trump, de 46 anos, iniciou en setembro ese proceso legal no estado de Maryland (EE UU), onde foi rexeitado debido a que a empresa editora do xornal (Mail Media) ten sede en Nova York, onde ela interpuxo unha nova demanda. Melania Trump argumenta ante os xuíces que o artigo do tabloide fixo que a súa "marca perda un valor significativo".

A primeira dama, nacida en Eslovenia, chegou a Estados Unidos na década de 1990 para traballar como modelo e en 2005 casou co magnate inmobiliario en Palm Beach (Florida).

Días despois de publicar o polémico artigo, o pasado agosto, The Daily Mail difundiu unha nota aclaratoria na que asegurou que non tiña intención de dar a entender que as "acusacións" das que se facía eco eran certas. O texto "non trataba de afirmar ou suxerir que a señora Trump traballou nunca como escort nin no negocio do sexo", puntualizou o tabloide.

Os avogados de Melania Trump calculan que a primeira dama perdeu "millóns de dólares" en oportunidades de negocio debido ao dano que causou o diario á súa imaxe.

Comentarios