May sobrevive á moción de censura e busca un "plan B" para o Brexit

Por 325 fronte a 306 votos, a primeira ministra británica obtivo a confianza da maioría da Cámara dos Comúns

Theresa May. EFE
photo_camera Theresa May. EFE

A primeira ministra británica, a conservadora Theresa May, superou este mércores unha moción de censura presentada pola oposición laborista e planea explorar agora opcións alternativas ao seu acordo do Brexit, sen descartar pedir unha extensión do prazo para abandonar a Unión Europea (UE).

Os conservadores máis euroescépticos e os seus socios do norirlandés Partido Democrático Unionista (DUP), que o martes se rebelaron para tombar a proposta de May, votaron en cambio, 24 horas despois, a favor de que ela siga á fronte do Executivo.

Cunha vitoria por 325 votos fronte a 306, a primeira ministra recibiu algo de aire na Cámara dos Comúns e afastou por agora a posibilidade de que se convoquen unhas eleccións xerais, como esixe o líder da oposición, o laborista Jeremy Corbyn.

O resultado da moción fai que Corbyn estea baixo presión por parte dunha facción do seu partido para apoiar un segundo referendo sobre o Brexit, unha opción que só contempla, segundo insistiu ata agora, se falla o seu obxectivo de forzar uns comicios.

A lei non impide, con todo, que o líder da oposición presente unha nova moción de censura nas próximas semanas se cre que ten opcións de prosperar.

Corbyn aspira a chegar ao Goberno para renegociar coa UE un acordo de saída que forxe unha "nova e ampla unión aduaneira", que asegure unha relación estreita co mercado único e protexa os estándares europeos en canto a emprego e medio ambiente.

Os tories euroescépticos desexan así mesmo reabrir as negociacións con Bruxelas, pero o seu plan pasa, en cambio, por que May pida á UE que retire do actual acordo a cláusula de salvagarda para Irlanda do Norte.

Argumentan que ese mecanismo, deseñado para evitar unha fronteira entre as dúas Irlandas, pode deixar ao Reino Unido atado ás estruturas comunitarias mentres non se defina a futura relación comercial entre o Reino Unido e a UE, o que pode tardar anos.

A Comisión Europea (CE) insistiu este mércores, con todo, en que non prevé reabrir a negociación sobre o pacto de saída ao que os 27 socios comunitarios restantes deron luz verde en novembro.

Ante o bloqueo no que se atopa o proceso do Brexit, May espera comezar a reunirse nas próximas horas con representantes do resto de forzas británicas para tratar de determinar que tipo de pacto podería obter o respaldo da maioría da Cámara dos Comúns.

Un portavoz de Downing Street, despacho oficial de May, puntualizou que unha das liñas vermellas que o Executivo conservador non está disposto a negociar é a pertenza a unha unión aduaneira comunitaria.

"Os principios que nos gobernan ao iniciar este diálogo é que queremos poder facer os nosos propios tratados comerciais (con terceiros países), e iso é incompatible cunha unión aduaneira", indico aos xornalistas ese portavoz.

Durante o debate sobre a moción de censura laborista, May argumentou así mesmo en contra dunhas eleccións e dun novo referendo.

Na súa opinión, ambas as opcións crearían división e afastaríana do obxectivo de cumprir co resultado da consulta de xuño de 2016, na que o 51,9% dos votantes optaron por abandonar a UE.

Advertiu así mesmo de que se non se chega a un consenso, o Reino Unido verase abocado a abandonar a UE de xeito non negociado dentro de 72 días, o prazo que marcan o artigo 50 do Tratado de Lisboa e a propia lexislación británica.

A primeira ministra rexeitou descartar a posibilidade de pedir a Bruxelas unha prórroga, pero advertiu de que esa opción só sería aceptada se o bloque comunitario considera que Londres conta cun plan con posibilidades de ser ratificado.

Ante a incerteza en torno ao futuro político do Reino Unido, a ministra principal escocesa, Nicola Sturgeon, esgrimiu pola súa banda que "os intereses de Escocia" só estarán protexidos coa "independencia".

A líder do Partido Nacionalista Escocés (SNP), cuxos 35 deputados en Westminster votaron en contra do acordo de May, insistiu na súa petición para que se celebre un novo plebiscito sobre o Brexit, o que tamén defenderon os liberaldemócratas e 71 dos 256 deputados laboristas.

Comentarios