Marrocos e o Fronte Polisario reúnense en Nova York mentres a batalla campal segue en El Aiún

A tensión no Sahara Occidental entre as autoridades marroquís e a poboación saharauí sufriu este luns un rebrote como consecuencia do desmantelamento do campamento de protesta saharauí, en Gdaim Izik, nos arredores do Aiún, por parte das forzas da orde marroquís. Na contenda houbo varios mortos, dos que están confirmados tres axentes e un saharauí, no medio dun baile de cifras no que a Fronte Polisario manexa máis vítimas.

As autoridades marroquís atacaron o campamento á primeira hora da mañá por sorpresa e con gases lacrimóxenos. Algunhas testemuñas apuntan que ningunha casa quedou en pé. O asentamento estaba habitado por 20.000 persoas que, unha vez destruído, comezaron unha marcha de 18 quilómetros polo deserto cara a El Aaiún, onde a proporción de colonos -considerablemente maior- saíu á rúa. Segundo algunhas fontes, xunto á Policía marroquí atacan á poboación saharauí nun enfrontamento que está a deixar a cidade en chamas. Ademais están a facer rexistros casa por casa.

Mentres tanto, as autoridades de Rabat e a Fronte Polisario iniciaron en Nova York a reunión que tiñan prevista para este luns co obxectivo de reaunudar o proceso de negociación sobre o Sahara Occidental. É o terceiro encontro informal auspiciado pola ONU. Os acontecementos en Gdaim Izik, sobre os cales non se pronunciou o portavoz de Nacións Unidas ata que se esclarezan, convertéronse no protagonista da reunión á que tamén asisten observadores das veciñas Alxeria e Mauritania.

Tras catro encontros formais e dous informais, os avances entre as dúas partes non se produciron. Mentres Rabat sostén que a única solución realista ao conflito é a súa proposta de conceder a autonomía ao territorio, o Polisario insiste na celebración dun referendo que inclúa a independencia entre as opcións.

Jiménez pide á ONU que interveña
Desde España, a ministra de Exteriores, Trinidad Jiménez, solicitou ao Consello de Seguridade da ONU que interveña na crise. Ante as informacións confusas procedentes do Sahara Occidental, o PSOE e PP optaron pola prudencia nas súas primeiras declaracións, realizadas mentres a axencia oficial marroquí MAP anunciaba a morte de tres axentes das forzas da orde e o Polisario denunciaba a morte de civís.

En opinión da ministra de Exteriores, trátase dun asunto de transcendencia "internacional", que o Goberno español non pode abordar de forma bilateral con Rabat, polo que debería convocarse o Consello de Seguridade da ONU. Desta forma, descartou a petición exposta pola secretaria xeral do PP, Dolores de Cospedal, que esixía que o Executivo auspiciase as negociacións entre Marrocos e a Fronte Polisario.

Condena unánime dos partidos

Fronte á súa posición, o grupo parlamentario de ERC-EU-ICV, Nafarroa Bai e o BNG solicitaron a comparecencia no Congreso do presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, para que explique a posición do Executivo ante o sucedido en El Aiún e tamén para que informe sobre as agresións a xornalistas no país veciño. Todos condenaron a extrema violencia coa que as forzas marroquís desmantelaron o asentamento.

Con máis contundencia falou o presidente do Goberno de Canarias, Paulino Rivero, quen, desde Londres, condenou "sen ningún tipo de paliativo" o desaloxo violento do campamento saharauí e acusou a Europa de mirar para outro lado. O PNV tamén condenou o "asalto violento e inxustificado" do campamento saharauí e instou ao Goberno a actuar "de inmediato" intensificando os labores diplomáticos necesarios para acabar coa situación e "evitar novas vítimas". Eusko Alkartasuna (EA) foi máis lonxe e pediu ao Goberno que suspenda as súas relacións con Marrocos.

Tamén solicitou explicacións a Trinidad Jiménez o eurodiputado de EU Willy Meyer, a quen a Policía marroquí impediu este domingo desembarcar en El Aiún. O europarlamentario recriminou á ministra de Exteriores que estea "sempre sorrindo" e mirando cara a outro lado ante a "violencia" de Marrocos e pediulle que poña "cara seria" para dicirlle a Rabat que "ata aquí chegamos".

Voos cancelados, xornalistas bloqueados

Mentres se sucedían as reaccións políticas, a compañía aérea rexional Binter Canarias decidiu suspender polo menos ata o venres os voos previstos entre Gran Canaria e El Aiún ante a incerteza ao redor do que sucede no Sahara Occidental.

Ademais, como xa sucedera hai pouco máis dunha semana, a compañía Royal Air Maroc, impediu á prensa español voar ata El Aiún. Os xornalistas afectados son os correspondentes acreditados en Rabat de TVE e TV3, de El Mundo, ABC e El Periódico de Cataluña, da Axencia EFE e da Cadena Cope. Tampouco permitiron embarcar a tres informadores internacionais.

Comentarios