Malaisia confirma que o MH370 estrelouse no sur do océano Índico

O avión da compañía Malaysia Airlines desaparecido con 239 persoas a bordo o pasado 8 de marzo estrelouse no mar, no sur do océano Índico, anunciou hoxe o primeiro ministro de Malaisia, Najib Razak, en rolda de prensa.

As autoridades malasias supoñen que tanto os 227 pasaxeiros como os 12 membros da tripulación faleceron. "A última posición foi na metade do océano Índico, ao oeste de Perth (a capital do estado de Australia Occidental)", dixo o gobernante.

Najib sinalou que esta conclusión se alcanzou a través de novos datos e unha análise pioneira da compañía de satélites Inmarsat. Antes da rolda de prensa, Malaysia Airlines enviou aos familiares das persoas que viaxaban a bordo do Boeing 777-200 unha mensaxe no que lamentaban comunicar que "ningún sobreviviu".

Os ocupantes do avión eran 153 chineses, 50 malasios (12 forman a tripulación), sete indonesios, seis australianos, cinco indios, catro franceses, tres estadounidenses, dous neozelandeses, dous ucraínos, dous canadenses, un ruso, un holandés, un taiwanés e dous iranianos que embarcaron con pasaportes roubados a un italiano e un austríaco.

O avión despegou de Kuala Lumpur con 239 persoas a bordo rumbo a Pequín na madrugada do 8 de marzo e desapareceu dos radares civís de Malaisia uns 40 minutos logo de despegar.

As autoridades malasias non ofreceron unha explicación do ocorrido e haberá que esperar a recuperar as caixas negras do aparello.

Comentarios