O Goberno malaisio confirma agora que o avión si voou durante horas cara ao oeste tras 'desaparecer'

O primeiro ministro de Malaisia, Najib Razak, confirmou hoxe que o voo MH370 de Malaysia Airlines, que desapareceu con 239 persoas a bordo o 8 de marzo pasado, cambiou de rumbo e voou durante cinco horas cara ao oeste.

Najib dixo, nunha rolda de prensa en Sepang, que alguén desconectou os sistemas de comunicación do aparello e despois conduciu o avión ata dous puntos posibles: Indonesia ou entre Kazajistán e Turkmenistán. "O percorrido do avión ata que saíu da cobertura do radar militar primario (de Malaisia) é consistente coa acción deliberada tomada por alguén no seu interior", sinalou o primeiro ministro. Rexeitou falar de secuestro, pero a exposición que presentou apunta nese sentido.

O primeiro ministro explicou que, cos novos datos contrastados, o aparello seguiu emitindo sinais a un satélite ata as 08.11 hora local (00.14 GMT) do mesmo sábado.

O avión despegou de Kuala Lumpur ás 00.41 hora local (16.41 GMT do venres 7) e tiña previsto chegar a Pequín unhas seis horas máis tarde, pero desapareceu dos radares uns 40 minutos despois do despegamento.

O Boeing tiña carburante para 7 horas e media de voo, segundo Malaysia Airlines, e transportaba a 239 persoas: 227 pasaxeiros, incluídos sete menores, e unha tripulación de 12 malasios.

Logo de varios días de deixalo no aire e incluso desmentilo, Najib confirmou que os datos recibidos por un radar militar corresponden ao MH370 e proban que o avión virou, cruzou a Península de Malaca e internouse no Estreito de Malaca. "A procura entrou nunha nova fase. Esperemos que esta nova información nos achegue á súa localización", manifestou o político.

A localización do avión centrouse ata o momento no Mar de China Meridional. "Estou moi agradecido polo anuncio do primeiro ministro, agora está claro que poden achar o avión, e que o avión está ben", manifestou Selamat Omar aos xornalistas no Hotel Everly, segundo o medio The Malay Mail. "Espero que todos os pasaxeiros estean ben", engadiu o malasio, cuxo fillo de 28 anos atopábase no voo MH370.

A lista ofrecida por Malaysia Airlines das persoas que viaxaban no Boeing contén 153 chineses, 38 malasios, 7 indonesios, 6 australianos, 5 indios, 4 franceses, 3 estadounidenses, 2 neozelandeses, 2 ucraínos, 2 canadenses, 1 ruso, 1 italiano, 1 holandés, 1 austríaco e 1 taiwanés.

O italiano e o austríaco resultaron despois dous iranianos que viaxaban con pasaportes roubados e buscaban unha vida mellor en Europa.

comentarios