O lume segue arrasando California: 77 mortos e uns mil desaparecidos

A chegada este mércores das choivas pode aliviar a situación no condado de Butte

Incendio en California. EFE
photo_camera Incendio en California. EFE

Os bombeiros que desde hai máis dunha semana loitan contra as chamas no xigantesco incendio que arde no norte de California (EE.UU.), e que xa se cobrou a vida de polo menos 77 persoas, informaron de que esperan ter o lume completamente controlado a finais deste mes.

O Departamento Forestal e de Protección contra Incendios do estado, Calfire, fixou como "data anticipada de contención total" o 30 de novembro, o que, en caso de cumprirse, sería máis de tres semanas despois de que se declarase o incendio bautizado como "Camp Fire" o pasado día 8.

Ademais dos 77 falecidos, 993 persoas permanecen desaparecidas, máis de 15.000 edificios foron destruídos e 61.100 hectáreas foron arrasadas, mentres que o lume logrouse conter nun 66 %, segundo os últimos datos facilitados polas autoridades.

As condicións meteorolóxicas adversas que se prognosticaron para as últimas horas, nas que se esperaban fortes ventos que dificultasen as tarefas de extinción, resultaron menos feroces do previsto, o que permitiu aos bombeiros seguir traballando.

Segundo as predicións do Servizo Nacional de Meteoroloxía, o mércores chegarán as primeiras choivas á zona do condado de Butte, onde se desenvolve o incendio, que se atopa extremadamente seca e que non viu chover desde hai meses.

Comentarios