Os Irmáns Musulmáns chaman a tomar as rúas no ''venres dos mártires''

Os Irmáns Musulmáns e os seus aliados chamaron aos exipcios a tomar hoxe de forma masiva as rúas do país na xornada bautizada como "venres dos mártires", que espertou o temor a un estalido da violencia similar ao que se viviu hai xusto unha semana.

A Alianza Nacional en Defensa da Lexitimidade considera que os exipcios "non se inclinarán" ante as "campañas desapiadadas e fascistas de detencións arbitrarias" sobre os líderes da Irmandade e dos seus grupos afíns, e que os seus partidarios responderán o chamamento a marchar desde as mesquitas do país.

Os islamitas, ademais, instaron aos seus seguidores a que continúen a campaña de desobediencia civil que foi lanzada esta mesma semana.

O pasado venres, as manifestacións de apoio ao deposto presidente Mohamed Mursi derivaron nun estalido da violencia no que foron atacadas comisarías e igrexas en todo Exipto e na violenta represión das forzas de seguridade.

Desde que o pasado 14 de agosto a Policía desaloxou a sangue e lume as acampadas islamitas das prazas de Rabea al Adauiya e Al Nahda no Cairo, máis de 900 persoas morreron pola violencia en Exipto segundo as autoridades, aínda que os islamitas aseguran que a cifra é moito maior.

"No marco das actividades pacíficas da 'semana da partida', a Alianza salienta a necesidade de participar nas manifestacións do venres dos mártires, que comezará con marchas masivas tras rezar polas almas dos mártires en todas as mesquitas de Exipto", sinalou a coalición nun comunicado.

Esta convocatoria chega mentres Exipto continúa en estado de urxencia, cun toque de queda que entra diariamente en vigor ás sete da tarde.

Ademais, as manifestacións celébranse só un día despois de que o expresidente Hosni Mubarak, deposto na revolución popular de 2011, saíse onte do cárcere ao expirar o prazo para seguir en prisión preventiva, aínda que continuará baixo arresto domiciliario no hospital militar en que foi ingresado.

Comentarios