Liberan os 30 nenos secuestrados nunha gardería por un home cun machete

A Policía de Malaisia liberou hoxe os 30 nenos e catro profesores e capturou ao secuestrador que os mantiña como reféns desde esta mañá nunha gardería do sur do país.

Fontes policiais indicaron aos medios malasios que todos os reféns están a salvo e foron trasladados a un hospital para que sexan examinados polos médicos.

Segundo o diario malasio The Star , o secuestrador resultou ferido, dato que nin confirmaron nin desmentiron as autoridades.

A operación policial comezou ás 15.45 hora local (07.57 GMT), case seis horas despois do comezo do secuestro, co lanzamento de botes de fume no interior do edificio no distrito de Abong, na cidade de Muar.

Medios malasios informan de que o secuestrador se atopaba neses momentos na planta baixa para falar de novo cun psiquiatra e que os reféns permanecían no piso superior.

Numerosos familiares dos escolares atopábanse no exterior da gardería pendentes do desenlace.

O secuestrou comezou cando un malasio armado cun machete e un martelo entrou no inmoble e secuestrou a 30 nenos e catro profesores.

Nas primeiras negociacións coa Policía ameazou con matar os nenos se non lle entregaban un arma de fogo.

A Policía despois deixou que falase co psiquiatra Lau Keen Le, a quen pediu comida porque tiña fame.

No exterior, os axentes da orde acordoaran a zona e afastado a curiosos e xornalistas, apostáronse efectivos da brigada especial e atopábanse aparcadas dúas ambulancias.

Tras varias horas de negociacións, a Policía decidiu autorizar a intervención da brigada especial.

O pasado mes de marzo, Muar foi tamén escenario doutro incidente noutra gardería cando os estudantes tomaban o almorzo.

Naquela ocasión o malasio armado só cun martelo feriu na cabeza a tres nenos de seis anos.

Comentarios