Os golpistas liberan o presidente de Burkina Faso

A posta en liberdade de Michel Kafando é unha "mostra de apaciguamento e de interese xeral", segundo precisou o Consello Nacional para a Democracia, a institución militar que deu un golpe de estado no país
El presidente de Burkina Faso, Michel Kafando, en una fotografía de archivo
photo_camera El presidente de Burkina Faso, Michel Kafando, en una fotografía de archivo

O presidente de Burkina  Faso, Michel Kafando, foi liberado este venres tras pasar dous días retido polo Consello Nacional para a Democracia (CND), a institución militar que deu un golpe de estado no país.


O primeiro ministro, o tenente Isaac Zida, continúa "baixo arresto domiciliario", informou nun comunicado o consello golpista, que tamén liberou a algúns ministros do Goberno de transición.

A posta en liberdade de Kafando é unha "mostra de apaciguamento e de interese xeral", precisou o CND, despois de que varias institucións como Nacións Unidas ou a Unión Africana esixiran en repetidas ocasións a liberación do mandatario.

O pasado mércores, a garda presidencial irrompeu no Consello de Ministros e levou "como reféns" a Kafando e a Zida, que posteriormente foron trasladados a un campamento militar na capital, Uagadugú

Tras a liberación, o presidente do consello golpista, o xeneral Gilbert Diendéré, reunirase con membros da comunidade internacional para dialogar e atopar unha solución "duradeira e acordada" a esta crise.

Está previsto que Diendéré manteña un encontro este mediodía co presidente de Senegal, Macky Sall, e de Benin, Thomas Boni Yayi, para abordar os últimos sucesos ocorridos no país.

Onte unha facción do Exército (a garda presidencial) disolveu o Goberno e proclamou a Diendéré, exxefe do Estado Maior no antigo Goberno de Blaise Campaoré -derrocado por unha revolta popular a finais do pasado ano- como presidente do consello golpista.

Pouco despois, os burkineses saíron á rúa para protestar contra o golpe e, durante as manifestacións na capital, polo menos unha persoa morreu e preto de 60 resultaron feridas ao ser tiroteadas por soldados.

O golpe de estado truncou a transición democrática neste país africano, que debía celebrar o próximo 11 de outubro eleccións presidenciais.

Comentarios