A violencia colapsa de novo O Cairo

Os violentos enfrontamentos entre os islamitas exipcios e a policía causaron hoxe polo menos 34 mortos e 200 feridos no Cairo, convertida nun campo de batalla e en escenario das maiores protestas desde o pasado agosto.

A pesar da represión dos últimos meses, os Irmáns Musulmáns e demais partidarios do deposto presidente Mohamed Mursi trataron nesta xornada festiva -na que se celebraba o 40º aniversario da guerra de 1973 contra Israel- de recobrar o seu pulso e demostrar que seguen tendo peso nas rúas.

O seu desafío ás estritas medidas de seguridade acabou nun baño de sangue, o máis grave desde a onda de violencia que seguiu ao desaloxo das acampadas dos islamitas no Cairo o 14 de agosto pasado.

Miles dos seus seguidores organizáronse en pequenas marchas ao termo do rezo musulmán do mediodía.

O seu obxectivo era chegar á praza de Tahrir, no corazón do Cairo e epicentro das manifestacións anti Mursi, pero os militares blindaron os seus accesos con tanques e carros de combate.

As forzas de seguridade dispersaron aos islamitas con gases lacrimóxenos, pelotas de goma e lume real nos barrios de Dokki e Mohandisin, na beira oeste do Nilo, e en zonas do centro da capital como a praza Ramsés.

Segundo o Ministerio exipcio de Sanidade, 30 persoas faleceron nesta xornada no Cairo, tres na cidade de Beni Suef e unha na localidade de Delga, na provincia de Minia.

Pola súa banda, os Irmáns Musulmáns elevaron a 35 a cifra de vítimas mortais só na capital e a centenares a de feridos, mentres que apuntaron catro falecidos en Delga e un na cidade de Ismailiya, xunto á canle de Suez.

Unha fonte de seguridade informou a Efe de que na zona cairota de Ramsés os manifestantes incendiaron pneumáticos e cortaron a avenida principal e que en Dokki a policía respondeu con lume real aos disparos efectuados primeiro por islamitas.

A versión dos Irmáns Musulmáns apunta, con todo, a que a policía abriu fogo contra manifestantes pacíficos, polo que atribuíu "a responsabilidade total dos crimes e matanzas" aos dirixentes do golpe militar.

O Ministerio do Interior advertira de que "enfrontaría calquera acción fóra da lei e ás persoas que instigan ao caos".

Para asfixiar as protestas, tras os disturbios do pasado venres, o exército e a policía despregouse nas principais arterias da cidade e nas pontes sobre o Nilo.

No barrio de Mohandisin, de clase media e cunha importante zona comercial, o manifestante islamita Atef Raian dixo a Efe que xa é hora de dicir "basta" ás autoridades xurdidas tras o derrocamento de Mursi.

Raian, de 19 anos e cunha bandeira exipcia na man, afirmou que "os exipcios estaban desconcertados ante tanto sangue, pero farán escoitar a súa voz aos golpistas".

"Non temos medo a morrer se fai falta, porque cremos na nosa causa xusta", subliñou rodeado de centos de partidarios de Mursi, que foi destituído polos militares o pasado 3 de xullo tras multitudinarias protestas que pedían eleccións anticipadas.

En contraste con estas imaxes de violencia, miles de partidarios do Exército concentráronse na praza Tahrir e nos arredores de palacio presidencial de Itihadiya nun ambiente festivo.

Fogos artificiais e feixes de luces alagaron estas zonas, que foron sobrevoadas con helicópteros militares que portaban a bandeira de Exipto.

Á noitiña, o estadio da Defensa Aérea no Cairo foi escenario das celebracións oficiais con motivo do aniversario da guerra de 1973, onde non faltou a música e o teatro.

Nun discurso á nación con motivo da efeméride, antes de que comezasen os enfrontamentos, o primeiro ministro exipcio, Hazem Beblaui, destacou que o pobo exipcio apoia ás Forzas Armadas no seu plan para "establecer un estado democrático".

Beblaui asegurou que o país elixiu o camiño da "democracia, a xustiza e a paz" e chamou a todo o pobo a regresar "ao seo de Exipto sen divisións nin discordias".

A guerra de 1973 (coñecida como Guerra do Yom Kippur ou do Ramadán) foi a cuarta que enfrontou a Israel con países árabes, neste caso Exipto e Siria. Estes invadiron aquel para recuperar os territorios perdidos en 1967, pero Israel logrou imporse tras algo máis de dúas semanas de loita e, a finais de outubro, a ONU aprobou a resolución 338, que estableceu un cesamento do fogo e instou ás partes ao diálogo.

Comentarios