O éxito de Berlusconi aboca a Italia á ingobernabilidade

Italia encamíñase á ingobernabilidade tras as eleccións xerais, nas que se impuxo por unha estreita marxe en número de votos o centroesquerda, e das que sae un Senado sen unha maioría clara, coa remontada electoral lograda pola coalición de centrodereita do ex primeiro ministro Silvio Berlusconi.

Nun reconto de votos moi axustado, que propiciou que, incluso, o partido de Berlusconi pedise que non se declare oficialmente un gañador polo momento, o peculiar sistema electoral volveu hoxe a ser protagonista como nos comicios de 2006, propiciando que "il Cavaliere" consiga case a paridade en escanos no Senado, dificultando un Goberno de centroesquerda.

Cunha participación do 75,17 %, inferior en 5,33 puntos á dos comicios de 2008, os primeiras xerais celebradas no inverno na República de Italia ven a irrupción con forza da antipolítica do cómico Beppe Grillo no Parlamento, que se sitúa, incluso, como o primeiro partido en solitario na Cámara Baixa, e arroxan un balance que dá as costas ao tecnócrata Mario Monti.

O ex comisario europeo da Competencia, tras trece meses de medidas de austeridade aplaudidas por Bruxelas, non pasa do cuarto posto tanto no Senado coma na Cámara Baixa e queda por baixo das expectativas.

Coa totalidade do voto escrutado en territorio italiano (faltan as papeletas dos residentes no estranxeiro), no Senado o centroesquerda de Pier Luigi Bersani, a quen todas as enquisas daban como gañador, adxudicouse a vitoria en número e porcentaxe de votos, co 31,6 % dos sufraxios e 120 senadores.

Por detrás, a pouca distancia, quedou Berlusconi, quen, tras saír da escena política logo de dimitir en novembro de 2011, regresou para encabezar a lista da súa coalición no Senado, permitindo unha recuperación do centrodereita nas enquisas que rematou por se confirmar hoxe, co 30,7 % dos votos neste hemiciclo, aos que lles corresponden 117 senadores, só 3 menos dos que consegue o gañador das eleccións.

En terceiro lugar, o Movemento 5 Estrelas de Grillo, cun 23,79 % que é a segunda porcentaxe maior por si só dun partido, despois do Partido Demócrata de Bersani, e en cuarto lugar Monti, cun 9,13 % dos votos.

O resultado do Senado resulta clave pola peculiaridade do seu sistema electoral, que dá o premio de maioría á coalición vencedora nun reparto rexión por rexión, con territorios coma o de Lombardía (norte), que achega case unha cincuentena de senadores e habitual caladoiro de votos do centrodereita.

A coalición de Berlusconi, quen lanzara como promesa estrela a devolución do imposto sobre a vivenda habitual pagado en 2012, leva o premio de maioría de Lombardía, cun 37,62 % dos votos, fronte ao 29,73 % do centroesquerda de Bersani.

Este resultado, xunto aos doutras rexións, arroxa un escenario no que, cun total de 315 membros electos, o centroesquerda conseguiría 120 escanos no Senado, fronte aos 117 do centrodereita de Berlusconi, os 54 de Grillo e os 18 de Monti.

Cunha maioría absoluta cifrada en 158 senadores, Bersani necesitaría buscar aliados e non lle sería suficiente nin sequera cos senadores de Monti, o que pode traducirse nun bloqueo neste hemiciclo, onde parece pouco probable que a antipolítica defendida por Grillo estea disposta a pactar cos partidos tradicionais.

Xa en 2006, o Goberno de centroesquerda de Romano Prodi que saíu das urnas viviu unha situación inestable (durou só cerca dous anos), cun Senado no que tiña maioría grazas ao apoio dos senadores vitalicios.

Ante esta situación de ingobernabilidade, un dos escenarios que máis temían os socios europeos de Italia, a terceira economía da zona euro, hai voces de distintas frontes políticas que apuntan xa á posibilidade de formar un Goberno de unidade nacional para reformar o sistema electoral e volver despois ás urnas.

Na Cámara dos Deputados, Bersani obtén tamén unha vantaxe raspada en termos de voto co 29,54 % dos apoios, fronte ao 29,18 % do centrodereita, aínda que se asegura a maioría absoluta de 340 deputados sobre un total de 630 grazas ao sistema de repartición en termos do conxunto do Estado do premio á coalición máis votada.

Por detrás na Cámara Baixa queda, como terceira forza, o Movemento 5 Estrelas de Grillo, que nas súas primeiras eleccións lexislativas obtén por si só o 25,55 % dos sufraxios, e a coalición de Monti é cuarta, co 10,56 % dos apoios.

Comentarios