A ONU denuncia a masacre de Al Haula, onde morreron 90 persoas

O xefe da misión de cascos azuis encargados de supervisar o alto en lume en Siria, o xeneral Robert Mood, denunciou hoxe a "brutal traxedia" na cidade de Al Haula, na provincia de Homs, na que morreron polo menos 92 persoas.


"Esta mañá, os observadores militares e civís da ONU foron a Al Haula e contaron os cadáveres de 32 nenos e máis de 60 adultos. Isto é unha brutal traxedia", indicou Mood nun comunicado.

Con todo, o xeneral noruegués non ofreceu máis precisións acerca da masacre, da que a oposición siria culpou ás forzas do réxime.

A axencia oficial siria Sana, pola súa banda, responsabilizou dos asasinatos a grupos "terroristas armados" e engadiu que "os combates levaron á morte de varios terroristas e de varios membros das forzas especiais".

Tanto os Comités de Coordinación Local como o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos acusan o réxime de perpetrar a "masacre" co uso de artillería pesada, seguido da incursión de militares sobre o terreo.

O enviado especial da ONU e a liga Árabe para Siria, Kofi Annan, ten previsto viaxar a Damasco mañá domingo pola noite por segunda vez para avaliar o acordo subscrito fai máis dun mes polas partes que estipulaba un cesamento do fogo que foi incumprido sistematicamente.

Annan deberá reunirse na súa estancia en Siria co presidente do país, Bachar al Asade, e con figuras da oposición do país árabe.

Comentarios