A xustiza suspende o peche de Twitter en Turquía, pero continúa o bloqueo

Un xulgado administrativo de Ankara decretou a suspensión do peche da rede social Twitter en Turquía, informou a cadea NTV, aínda que de momento as autoridades de telecomunicación non levantaron o bloqueo.

Tras unha denuncia da Unión de Colexios de Avogados de Turquía, o xulgado decidiu suspender o bloqueo por vulnerar "os fundamentos do Estado de dereito".

Horas máis tarde, o Tribunal Constitucional apoiou a sentenza, ao sinalar que non ve necesario revisala de inmediato, pero prometeu unha decisión final para o vindeiro venres.

Ao mesmo tempo, o viceprimeiro ministro turco, Bülent Arinç, declarou que o Goberno "respectará a decisión xudicial porque así o manda a Constitución", con independencia do que pensen dela, segundo a NTV.

En opinión de expertos consultados polo diario Hürriyet, o fallo debería cumprirse con efecto inmediato, mentres que outros apuntan que o Goberno ten un prazo de 30 días para facelo.

De momento, o acceso a Twitter, bloqueado desde hai seis días segue vixente e a única forma de acceder é usando ferramentas de navegación anónima.

Persisten as dúbidas sobre cando se abrirá a rede, dado que o propio primeiro ministro turco, o islamita Recep Tayyip Erdogan, xa declarou no pasado que non respectará decisións xudiciais en contra dos seus proxectos ou plans.

Erdogan dixo nunha entrevista concedida a cadea de noticias NTV que non só manterá o bloqueo a Twitter, senón que tamén podería pechar a canle de vídeos Youtube.

"Se vostedes non corrixen a súa actitude, pecharemos as páxinas. Se respectan as normas, levantaremos a prohibición. ¿Que é Twitter? é unha empresa. E de feito, detrás está Youtube. Traballan cos avogados de Youtube", indicou Erdogan.

Explicou que Turquía pedira a Twitter eliminar "700 pezas de contido", pero a empresa só se mostrou disposta a retirar "unha ou dúas".

De acordo cunha investigación publicada polo xornal Hürriyet, practicamente todas as denuncias turcas por contidos de Twitter realizáronse a partir de decembro pasado, o que suxire que se trata de impedir a difusión do escándalo de corrupción que saltou á palestra o día 17 daquel mes.

No último trimestre e nun ambiente de campaña electoral tensa para os comicios municipais deste domingo, Twitter foi un dos medios preferidos para distribuír enlaces a gravacións de voz que supostamente recollen conversacións telefónicas de Erdogan co seu círculo próximo.

O último, difundido na madrugada de hoxe en Youtube, reproduce unha suposta conversación da que se deduce que foi o propio Erdogan quen coordinou en 2010 a filtración anónima dunha cinta de vídeo que evidenciaba unha relación extraconxugal do entón líder da oposición Deniz Baykal.

Tanto Baykal, quen dimitiu ao coñecerse o vídeo, como o seu sucesor, Kemal Kiliçdaroglu, pediron "explicacións inmediatas" ao primeiro ministro.

"Tanta inmoralidad nunca se viu. De feito, nunca se atopou aos culpables (da filtración); el é o responsable. Unha persoa que fixo algo así non pode seguir ocupando a cadeira de primeiro ministro", asegurou Kiliçdaroglu, en declaracións recollidas polo diario Hürriyet.

Comentarios