A xustiza exipcia ordena prisión preventiva para Mursi

A xustiza exipcia ordenou hoxe prisión preventiva durante quince días para o deposto presidente Mohamed Mursi por supostamente contactar co grupo palestino Hamás para perpetrar "accións inimigas contra o país" e o asalto a un cárcere.

O xuíz Hasan Samir, do Tribunal de Apelación da capital, adoptou esta medida tras interrogar a Mursi sobre as probas presentadas no caso, informou a axencia de noticias estatal Mena.

Tras o golpe de estado militar que o depuxo o 3 de xullo, Mursi áchase en paradoiro descoñecido retido polo exército.

Desde esa data, a fiscalía emitiu varias ordes de arresto contra dirixentes dos Irmáns Musulmáns, entre eles o seu guía espiritual, Mohamed Badía, pola súa suposta implicación en actos de violencia.

á parte de estar acusado de colaborar con Hamás, Mursi é sospeitoso de atacar instalacións das forzas de seguridade, e do asalto e incendio da prisión de Wadi Natrun, ao norte do Cairo.

Tamén é sospeitoso de estar implicado no asasinato dalgúns presos e oficiais da policía, así como do secuestro de responsables de seguridade.

Outros cargos que se lle imputan son haberse fuxido do cárcere de Wadi Natrún, de facilitar a fuxida doutros reclusos, de destruír documentos do presidio e de asaltar comisarías.

Mursi estivo recluído en Wadi Natrun durante a revolución que derrocou o réxime de Hosni Mubarak entre xaneiro e febreiro de 2011, pero logrou escapar aos dous días da súa detención grazas ao caos que reinaba nos presidios tras a desbandada dos gardiáns.

O pasado 4 de xullo, a xustiza emitiu unha orde para prohibir a saída do país a Mursi por supostamente insultar ao poder xudicial xunto a outros oito dirixentes dos Irmáns Musulmáns.

Hai tres días, o xefe do Goberno islamita palestino de Hamás en Gaza, Ismail Haniye, negou toda implicación do seu movemento en Exipto e pediu aos medios de comunicación deste país que deixen de publicar acusacións "falsas".

"Todo o publicado nos medios exipcios de que Hamás intervén nos asuntos de Exipto é totalmente incorrecto e falso. Non hai probas para eses rumores", dixo Haniye.

Comentarios